BURELA (FNC) .- Burela ven de recibir tres subvencións da Deputación Provincial de Lugo, a través dos Plans de Cooperación coas Comunidades Veciñais. Segundo os datos facilitados polo alcalde, Alfredo Llano, a institución provincial concedeu 2.625 euros para o acondicionamento do camiño do Río Masma e 12.000 euros para o tamén acondicionamento do camiño dos Matos. Ditas subvencións foron solicitadas pola asociación de veciños O Vencello. A Deputación tamén lle concedeu 12.000 euros ó centro de día, que foron demandados (neste caso) pola asociación de discapacitados psíquicos de A Mariña.
O rexedor burelés amósase moi satisfeito “cunhas subvencións que estábamos seguros de recibir, pero agora xa é algo irreversible e moi bo para Burela porque se vai mellorando pouco a pouco o acondicionamento dos nosos camiños e tamén é bo que se recoñeza o traballo da asociación de discapacitados para que sigan a ofrecer o maior número posible de servizos”.