BURELA (FNC).- O Concello de Burela ven de adquirir 3 desfibriladores semiautomáticos por importe de 8.000 euros que quedarán instalados este mes no propio Concello, na Casa da Cultura e no pavillón polideportivo. Segundo explica a concelleira de Sanidade, Sonia Fraga, “trátase de seguir a traballar de xeito eficaz para evitar a morte súbita e contribuír a manter a cadea de supervivencia. Os lugares para a súa localización foron elixidos pensando no número de persoas que a diario acoden a eses puntos”.
A edil socialista engade que “os desfibriladores serán colocados en cabinas con dispositivo de alarma sonora. Cada aparato consta de: tarxetas, baterías, kit de reanimación cardiopulmonar, rasurador, mascarilla de aire, guantes de vinilo… Con esta implantación estaremos preparados para actuar rapidamente”.
Sonia Fraga sinala que “os desfibriladores serán usados polas 9 persoas que a mediados do pasado mes de decembro acudiron a un curso formativo que foi subvencionado polo Concello de Burela e impartido polo 061. Acudiron 2 traballadores do Concello, dous da Casa da Cultura e o resto foron das instalacións deportivas que temos na nosa vila. O curso impartiuno José Antonio Iglesias González, formador de DESA do 061 e diplomado en enfermería”. A concelleira de Sanidade agradece aos participantes “o interese amosado e agardo que sexan moi poucas as veces nas que teñamos que utilizar estes desfibriladores”.