Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicado o primeiro tramo da vía rápida de Ferrol a San Cibrao que entrará en servicio no 2011

A MARIÑA .- A dous anos da data prevista pola Xunta para o remate da obra da estrada de Ferrol a San Cibrao a Consellería de Política Territorial adxudicou o primeiro tramo, de uns 10 quilómetros de lonxitude, entre Ortigueira e Espasante, na provincia de A Coruña, que conta con un presuposto de 27,4 millóns de euros. Esta obra inclúe a variante de Ortigueira e unha alternativa a ponte de O Baleo, un paso de dirección única. A responsable da consellería e o presidente da Xunta aseguraron en máis de unha ocasión que a denominada Vía de Altas Prestacións da Costa Norte entrará en servicio no ano 2011

Fonte

Política Territorial adxudica obras por máis de 87 millóns de euros nas catro provincias

A Variante de Ortigueira foi adxudicada por un importe de 27,4 millóns de euros

A Consellería resolveu o contrato para a construción do tramo da vía Ártabra entre a N-VI e o Enlace de Meirás e a Variante de Oleiros por mais de 26,6 millóns

A segunda parte da Variante de Marín foi adxudicada por 20,6 millóns de euros, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia

Na provincia de Ourense, a CPTOPT resolveu contratos de obras por un importe de case nove millóns de euros, entre as que destaca o acceso ao Parque Tecnolóxico de Maceda

Santiago, 2 de xaneiro de 2009.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ven de adxudicar, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, máis de 87 millóns de euros en obras de construción de infraestruturas nas catro provincias galegas e entre as que destacan a Variante de Ortigueira, un tramo da Vía Ártabra, a segunda parte da Variante de Marín e o acceso ao Parque Tecnolóxico en Ourense, ademais doutros traballos de mellora de estradas autonómicas

Variante de Ortigueira
A CPTOPT ven de resolver por un importe de 27,4 millóns de euros as obras de construción da variante de Ortigueira, o primeiro dos treitos da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte, tal como publica hoxe o DOG.

A variante de Ortigueira, cunha lonxitude aproximada de 10 quilómetros, conectará a estrada As Pontes-Ortigueira (AC-101) coa localidade de Espasante. Deste xeito se evitará o paso pola vila de Ortigueira, o que redundará nunha mellora da mobilidade e da seguridade no núcleo urbano desta localidade.

A circunvalación de Ortigueira será o primeiro dos treitos desta Vía de Altas Prestacións entre Ferrol e San Cibrao e que será prolongada tamén con características de corredor polo Ministerio de Fomento dende San Cibrao ata Barreiros, punto no que enlazará coa Autovía do Cantábrico (A-8). No treito autonómico desta nova infraestrutura xa se están redactando todos os proxectos construtivos, e a posta en servizo desta infraestrutura sitúase en 2011.

Vía Ártabra entre a N-VI e o enlace de Meirás e outras obras na provincia da Coruña
O contrato para construción do treito da Vía Ártabra entre a Nacional VI e o enlace de Meirás, e que inclúe a variante de Oleiros, ascende á 26,64 millóns de euros, segundo informa o DOG de hoxe. O treito corresponde ao tronco principal da Vía Ártabra entre a N-IV e Meirás, ten unha lonxitude de 5,4 quilómetros, e a variante de Oleiros, ten preto de 1,8 quilómetros. No tronco principal, os primeiros 2,6 quilómetros dende a N-IV terán características de autovía, isto é, catro carrís de 3,5 metros repartidos en dúas calzadas separadas por unha mediana dun metro e por dúas beiravías interiores doutro metros de anchura, ademais de dispoñer de beiravías exteriores de 2,5 metros. O resto do treito terá características de vía de alta capacidade.

Polo que respecta á variante de Oleiros, arranca da estrada Perillo-Oleiros (AC-174) á altura da Rabadeira, enlaza coas estradas Oleiros-O Carballo, Oleiros-Iñás e Oleiros-Soñeiro, e servirá para desviar o tráfico da vila e como novo acceso ao Polígono Industrial de Iñás.

Cómpre lembrar que a Vía Ártabra será unha vía de alta capacidade que permitirá artellar mellor as redes viarias dos concellos de Oleiros e Sada completando ás actuais estradas secundarias e locais, redistribuíndo e separando os tráficos de curto e longo percorrido e incrementando así a mobilidade dos cidadáns.

Respecto ao resto das obras adxudicadas hoxe no DOG por Política Territorial destaca a asistencia técnica para a redacción do proxecto de trazado e construción da variante de Noia, por 715.600 euros. Esta nova infraestrutura terá un total de 9,45 quilómetros dende o seu inicio (na conexión co corredor Brión-Noia) ata Taramancos, co trazado debatido cos axentes sociais e económicos da zona e que é o mais vantaxoso dende o punto de vista técnico, ambiental e de articulación territorial.

Tamén foi adxudicada a mellora da estrada AC-442 que une as localidades de Berdeogas e Boudañeira, no concello de Dumbría, cuxas obras ascenden a 725.000 euros, así como a urbanización e acondicionamento da rúa da Cachurra en Negreira por 388.000 euros.

Variante de Marín e outras obras na provincia de Pontevedra
Tamén no DOG de hoxe, Política Territorial ven de adxudicar por case 20,6 millóns de euros, as obras de construción do último treito da variante de Marín, que permitirá enlazar coa autoestrada do Atlántico. Este tramo, que terá 4,4 quilómetros e que completará a parte que xa está en servizo, vai dende O Regueiriño, en Marín, ata o seu enlace final coa Autovía Pontevedra-Marín (PO-12) e co ramal de acceso á autoestrada do Atlántico (PO-11).

A circunvalación de Marín, que executa a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, disporá de dous carrís de 3,5 metros e dúas beiravías de 2,5 metros.

Esta obra ten unha especial importancia para evitar o paso dos vehículos polo núcleo urbano de Marín polo que repercutirá tanto na mellora da calidade de vida dos cidadáns da vila como na mellora da seguridade viaria dos condutores e dos peóns.

Tamén na provincia de Pontevedra, Política Territorial adxudicou obras de reforzo de firme na estrada Lalín-Vila de Cruces (PO-206) por case 411.000 euros, e na estrada PO-354 entre Patas e O Rosal, por un importe de 260.000 euros. Así mesmo, a Consellería resolveu o contrato para a execución de beirarrúas na PO-192 ao seu paso pola parroquia de Bamio (en Vilagarcía), que ascende a 1.184.000 euros.

Obras na provincia de Ourense
Na provincia de Ourense, a Consellería de Política Territorial resolveu a adxudicación de varias obras por un importe que acada os nove millóns de euros.

Entre os concursos resoltos destaca o acondicionamento da estrada Ourense-Maceda (OU-101) no treito comprendido entre o acceso ao Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas e Maceda, cuxo contrato de obras ascende a 7,2 millóns de euros. Este treito ten unha lonxitude de 15,114 quilómetros e discorre polos concellos de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz e Maceda.

Tamén nesta provincia, Política Territorial adxudicou por 1,1 millóns de euros a estabilización de noiros en varios treitos da estrada OU 636, que comunica Pobra de Trives con Freixido, e a redacción do proxecto de trazado das obras de acondicionamento da estrada Ourense-Pobra de Trives (OU-536) no tramo que vai dende Esgos ata a vila trivense e cuxo contrato de asistencia técnica ascende a 525.000 euros.

Doutra banda, o Diario Oficial de Galicia saca hoxe a información pública o proxecto de trazado da futura circunvalación de Allariz, que permitirá a conexión das estradas OU-320 e OU-300 sen ter que acceder ao centro da vila. A variante estará formada por dúas vías, unha de 345 metros de lonxitude e outra de 355, conectadas por unha rotonda e que suman un total de 700 metros de circunvalación.

Exit mobile version