Site icon Crónica3.com A Mariña

A próxima semana licitarase a obra de auga para o polígono industrial de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, mantivo esta mañá un encontro en Madrid co xefe de Planificación, Proxectos e Obras de SEPES, Javier González Ramiro “para coñecer polo miúdo os detalles das obras de urbanización do polígono industrial”.

Suárez Barcia dixo que “en SEPES explicáronme que esa baixa dun 25% sobre o prezo de licitación orixinal para nada suporá unha menor calidade da obra, senón que poderá incidir positivamente en que o prezo de repercusión do metro cadrado final sexa menor. Neste sentido comentáronme que a acta previa de replanteo, é dicir o documento que se debe asinar previo ao inicio de calquera obra e que é sobre o que comeza a contar o prazo dos 11 meses no que se comprometeron a realizar o polígono industrial, podería estar asinada nos primeiros días do mes de abril, dentro de dous meses aproximadamente. Por este motivo non é descabellado pensar que a mediados de 2010 esta obra sexa unha realidade”.

O rexedor lembra que está pendente “o compromiso que lle restaba ao Concello de Ribadeo despois dos convenios asinados para a construción da subestación eléctrica. Trátase de dotar de auga potable ao polígono. Entre todos os grupos da Corporación acordamos incorporar estas obras ao fondo estatal polo que a partires da vindeira semana iniciaranse os trámites para licitar esta obra e levar a auga ao polígono para que así cando empecen as obras de construción xa poidan simultanearse con estas”.

Unha realidade a tiro de pedra

Fernando Suárez pensa que “temos todos os deberes feitos. Estamos con vento en popa máis que nunca con este polígono industrial. E debo valorar o traballo realizado por José Carlos Rodríguez Andina, que na súa época coma alcalde de Ribadeo asinou o proxecto e tamén o de Balbino Pérez Vacas que tentou intermediar e conseguiu unha adenda importante para este proxecto. E agora no mandato actual podemos desencadear a obra grazas ao desbloqueo que tiña que ver co subministro eléctrico para este parque industrial e que por fin a realidade estea aí a tiro de pedra”.

Exit mobile version