Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña esperta da fin de semana de pesadelo na que a sumiu o temporal de vento

Eucalipto sobre a estrada na travesía de O Vicedo, no casco urbano nas inmediacións do tendido eléctrico

Asteleiro, Burela

A MARIÑA .- Unha persoa morta, ducias de estradas cortadas, centos de arbores arrasadas, liñas eléctricas tiradas, pobos enteiros a escuras durante días, liñas eléctricas tiradas, edificios e naves industriais danados, barcos mercantes de arribada, temporal en terra e temporal no mar.
A Mariña esperta dun autentico pesadelo iniciado cos fortes ventos que entraron na costa de Lugo, na tarde noite do venres, e dos que xa so quedan as imprevistas consecuencias. Carencias, moitas carencias sen visos de solución.

Vista do Presidente da xunta
Emilio Pérez Touriño visitou concellos de A Mariña o domingo e anunciou que no próximo Consello da Xunta aprobarase o decreto de axudas económicas para os damnificados polo temporal.

Máis informacións:
Touriño anuncia que no próximo Consello da Xunta aprobarase o decreto de axudas económicas para os damnificados polo temporal

Avanza que mañá se reunirá o Consorcio de compensación de seguros coas operadoras para poñer en marcha “de maneira inmediata” as axudas económicas que marca a lei

Mercantes de arribada

Sargadelos

Explica que as axudas do decreto da Xunta serán complementarias ás do Consorcio

Garante que “están tomadas todas as medidas de precaución e prevención” e que a comunidade permanece en alerta vermella

Nunha entrevista na Radio Galega, reitera a necesidade de que todas as administracións, traballadores e empresas actúen coordinadamente para saír da crise económica

Pérez Touriño lembra que non renuncia á modificación da lei electoral que permita aos emigrantes votar en urna

Estrada no concello de Viveiro

Santiago, 25 de xaneiro de 2009.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avanzou a aprobación dun decreto urxente para poñer en marcha todas as axudas necesarias para “compensar e restablecer” os danos provocados polo temporal que estes días afectou á comunidade. Así o anunciou nunha entrevista á Radio Galega na que explicou que será o próximo xoves cando o Consello da Xunta dea luz verde a un decreto que virá complementar as axudas do Consorcio de compensación de seguros, respecto ao impacto sobre as infraestruturas públicas, os servizos da administración, industrias, comercios e, no seu caso, tamén as vivendas afectadas. Así mesmo, anunciou que o Consorcio de compensación de seguros manterá mañá un encontro coas operadoras para que “de maneira inmediata” se poñan en marcha as medidas precisas que a lei prevé cando se producen ventos por riba dos 130 kilómetros hora. Polo tanto, asegurou, “eses danos terán que ser avaliados e compensados como marca a lei e así será”.

Logo de cualificar o temporal como “un dos máis duros que se recordan na historia recente da nosa comunidade”, Touriño indicou que Galicia segue en alerta vermella e garantiu que “están tomadas todas as medidas de precaución e prevención”. Lamentou a perda das persoas falecidas por mor do temporal e anunciou a súa visita hoxe a Ortegal e a Mariña luguesa, zonas do país máis afectadas polo temporal “para coñecer directamente os danos e dar unha mensaxe de tranquilidade”.

O presidente amosouse especialmente preocupado pola situación do subministro eléctrico. Explicou que están movilizados máis de 1.000 operarios que traballan para restablecer ao cen por cen o subministro eléctrico na nosa Comunidade e asegurou que tanto Unión Fenosa como a Consellería de Industria están tratando de restablecer o antes posible a normalidade para as 100.000 persoas que aínda están sen luz.

Situación económica
Preguntado sobre a situación económica, o presidente da Xunta reiterou a necesidade de que todas as administracións, traballadores e empresas actúen coordinadamente para “saír desta grave crise económica” que atravesa a economía mundial. “Desta crise –apuntou- sairemos todos ao mesmo tempo, non existen respostas illadas. A resposta á crise ten que ser en rede, en rede mundial, en rede de Galicia”.

Consonte explicou, trátase de dar unha resposta social e de “introducir mecanismos de transparencia, de regulación e control en todos os mercados internacionais, nada pode quedar igual que antes da crise”. Dentro desta situación, Galicia “está respondendo mellor”, tal e como amosan os datos de paro. Indicou que no ano 2008, Galicia foi a comunidade onde menos creceu o desemprego en termos relativos e referiuse tamén aos datos da EPA coñecidos recentemente, segundo os cales “España ten un 14 por cento de paro neste momento, e nós estamos no 9,7”. “Cabe recordar –engadiu- que fai apenas catro anos, cando a economía marchaba ben, en Galicia tiñamos un entre un 11 e un 12 por cento de paro. Agora, en pleno vendaval económico, temos menos”. O presidente da Xunta asegurou que o Goberno ten como prioridade recuperar a economía e o emprego.

Dentro das medidas que está a tomar o Executivo galego fronte a crise, e tendo en conta que “non conseguiremos saír desta situación mentres non consigamos que os créditos cheguen ás empresas”, o presidente da Xunta avanzou que mañá vai presidir a comisión de seguimento coas entidades financeiras de Galicia para revisar “unha a unha se ese crédito ou axudas están chegando de verdade ás familias e aos empresarios”. Nesa liña, lembrou que o Goberno galego mobilizou ao longo do 2008 máis de 700 millóns de euros para que os bancos puxeran a disposición dos pequenos empresarios recursos e medios para que poidan manter a súa actividade e este ano “imos triplicar esta cantidade”.

Voto emigrante
Preguntado sobre o voto emigrante, o presidente da Xunta reiterou a súa intención de non renunciar “baixo ningún concepto” á modificación da lei orgánica do réxime electoral e á introdución do voto en urna como un elemento de garantía. Nesa liña, recalcou o seu interese por seguir traballando con “coherencia e avanzar democraticamente nas formas necesarias para que o voto teña todas as garantías, pero os dereitos que hoxe teñen os emigrantes deben ser respectados”, apuntou.

A este respecto, amosou a súa preocupación pola actitude doutras forzas políticas que “gobernaron este país toda a vida e nunca se preocuparon de nada disto porque entón nos lles interesaba e agora se amosan preocupadísimos”, ironizou. O presidente da Xunta reiterou a importancia de que todas as forzas políticas cheguen a acordos para decidir en qué tipo de procesos electorais deben seguir participando os emigrantes, de cara a unha futura reforma da lei electoral, e fixo fincapé no feito de que nestes momentos estes cidadáns teñen dereito a voto. “Temos que velar para que o voto sexa con todas as garantías, pero teñen dereitos e temos que protexelos”, concluíu.
———————————
Emilio Pérez Touriño visita as zonas máis afectadas polo temporal e avanza que a previsión é que entre a tarde e a noite de hoxe se poida restablecer practicamente o subministro de enerxía

Así o subliñou o presidente da Xunta este mediodía durante a visita que realizou ao porto de Burela, unha das zonas máis afectadas polo temporal

O titular da Xunta acudiu ao tanatorio para darlle o pésame á familia do sarxento falecido en acto de servizo, visitou o hospital e tamén se trasladou ao concello de Cervo

Avanza que o Executivo traballa coa previsión de que esta tarde -noite o subministro eléctrico quede “practicamente restablecido en toda Galicia

Anuncia que no próximo Consello da Xunta se aprobará o primeiro decreto de axudas para os damnificados polo temporal

Insiste en que a súa principal preocupación é que se restauren “na medida do posible e canto antes a normalidade, os servizos, o subministro de enerxía, e manter os niveis básicos de prestación de todos os servizos na comunidade”

Emilio Pérez Touriño visita as zonas máis afectadas polo temporal e avanza que a previsión é que entre a tarde e a noite de hoxe se poida restablecer practicamente o subministro de enerxía

Burela (Lugo), 25 de xaneiro de 2009.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, visitou este mediodía as zonas da comunidade máis afectadas polo temporal. Concretamente, o titular do Goberno galego achegouse ao porto de Burela onde avanzou que a previsión coa que traballa o Executivo galego é que o subministro de enerxía estea practicamente restablecido na tarde ou na noite de hoxe.

Na súa comparencia ante os medios de comunicación, Emilio Pérez Touriño, avanzou que no día de hoxe percorrerá as partes máis prexudicadas “pola intensidade do temporal que estes días afecta á comunidade galega, de maneira moi especial, o que é a Mariña lucense a comarca de Ortegal”. O presidente galego insistiu en que a previsión “coa que traballamos é que hoxe pola tarde ou, en calquera caso, xa á noite, se poida restablecer practicamente a plena normalidade do subministro de enerxía”. En particular, referiuse á recuperación prevista para a tarde de hoxe, da rede eléctrica “na Mariña Lucense, en Burela e Cervo, que estaban afectados pola estación de servizo de subministro desde Foz, e tamén en relación con Viveiro, que era outra parte afectada”, detallou. Asimesmo, indicou que na parte de Ortegal, onde tamén estaban afectadas as dúas estacións de Cedeira e de Mera, “ao longo da tarde, e, en particular, xa a noite, se espera que tamén estea restablecido, practicamente na totalidade, o subministro de enerxía”, explicou. O presidente galego considerou este restablecemento como “moi importante” por canto significa “recuperar a actividade, a normalidade”.

No tocante a situación das estradas, o mandatario autonómico explicou que está “practicamente activa e en servizo a rede de estradas principais, a rede autonómica”, aínda que sinalou que existe algún problema de cortes na rede secundaria da provincia de A Coruña “que se está restablecendo e, en síntese, creo que se está respondendo especialmente ben”.

Axudas autonómicas
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o titular do Goberno galego adiantou, ademais, que a Xunta vai poñer en marcha “a recollida de datos, de información e avaliación necesarios para, de maneira urxente, no consello da Xunta que celebremos este xoves se aprobe, de maneira inmediata, o primeiro decreto de axudas”. Emilio Pérez Touriño remarcou que se trata dun decreto que fará “o aporte necesario no que é a afección ás infraestruturas públicas, ós servizos públicos, e tamén, a afección a particulares, en canto á industria, ao comercio e, no que tamén poida ter afectado, ás vivendas”. “En definitiva –aseverou Touriño- poñeremos en marcha o decreto que permita recuperar e compensar a actividade e as axudas que sexan necesarias”.

A este respecto, o titular da Xunta sinalou que “aínda é moi cedo”, pero que se están empezando a facer xa as primeiras avaliacións. Non obstante, remarcou que o máis importante é tomar a determinación política de que haberá ese decreto de axudas e que polo tanto “os afectados e a cidadanía saiban que vai haber ese decreto”. Xunto con isto, insistiu en que a súa preocupación fundamental é que se restauren “na medida do posible e canto antes a normalidade, os servizos, o subministro de enerxía, de telefonía, e manter os niveis básicos de prestación de todos os servizos na comunidade”.

“Esa é a miña preocupación –aseverou- e por iso quería estar hoxe, in sito, preto das zonas do país que foron máis afectadas”.

Apoio ás vítimas
Na súa vista a Burela, o presidente da Xunta tamén se achegou ata o tanatorio para trasladarlle á familia do sarxento da Garda Civil falecido en acto de servizo o seu pésame. Emilio Pérez Touriño destacou o labor “encomiable” do sarxento e fixo facer extensivo o seu “agradecemento, recoñecemento e forte sentido da solidariedade” a todas as persoas e familias “que nestes momentos de dificultade o están pasando tan mal”. Por último, quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade e de confianza, indicando que se está a traballar de maneira coordinada en todos os servizos e en todos os concellos co obxectivo principal de salvagardar a vida das persoas e a seguridade ante todo e, para, a partir de aí tratar de restaurar canto antes o servizos públicos, a enerxía e o funcionamento ordinario da actividade.

Durante a súa estancia en Burela, o xefe do Executivo galego visitou o porto e o tanatorio, para trasladarse a continuación aos concellos de Cervo e visitar a zona de Sargadelos. Pérez Touriño proseguirá esta tarde en Cedeira o percorrido que está a realizar para coñecer de preto as zonas máis castigadas polo temporal que estes días sufriu a comunidade.

Exit mobile version