FONTE
Política Territorial saca a concurso por 50 millóns de euros a construción do treito do corredor da Costa Norte entre Celeiro e San Cibrao
O prazo de execución será de 36 meses contados a partires do inicio das obras
A construción da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte que unirá Ferrol con San Cibrao suporá un investimento de 276 millóns de euros
Santiago, 9 de xaneiro de 2009.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, ven de licitar por 49.707.000 euros e un prazo de execución de 36 meses as obras de construción do treito Celeiro-San Cibrao, pertencente ao do corredor da Costa Norte que unirá Ferrol con San Cibrao (no termo municipal de Xove), tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.
O treito Celeiro-San Cibrao ten unha lonxitude de oito quilómetros que discorren polos termos municipais de Viveiro e Xove e contará con catro enlaces (Celeiro, Xove Oeste, Xove Este e San Cibrao). Ademais, xa foron adxudicadas as obras do tramo da variante de Ortigueira, que comezará a executarse en breve.
A Consellería de Política Territorial investirá un total estimado de 276 millóns de euros na execución de toda a vía de altas prestacións da Costa Norte, que discorrerá ao longo de 90 quilómetros e será prolongada tamén con características de corredor polo Ministerio de Fomento dende San Cibrao ata Barreiros, punto no que enlazará coa Autovía do Cantábrico (A-8).
Cómpre lembrar que a Consellería de Política Territorial reformulou o proxecto inicial para garantir que sexa unha vía deseñada cos mellores parámetros de calidade e seguridade viaria e coa capacidade suficiente para atender a demanda de vehículos prevista. Neste senso, a CPTOPT introduciu unha serie de melloras de xeito que a infraestrutura terá características de corredor, é dicir, que dende o punto de vista técnico estará deseñada para o seu desdobramento en autovía cando a intensidade do tráfico o requira.