LUGO .- A Vicepresidencia da Deputación, a través da Área de Cultura e Deporte, estase a pór en contacto cos concellos das distintas comarcas lucenses para avaliar, de forma conxunta, os danos materiais ocasionados polo temporal que azoutou a península nestes últimos días. Deste xeito, os concellos afectados terán que redactar e enviar unha memoria onde se indiquen de forma pormenorizada os estragos sufridos nas estruturas deportivas e culturais da zona. Ademais dun orzamento aproximado, dos custos de execución das obras de reparación.
Nunha primeira rolda de contacto, realizada dende a Área de Cultura e Deporte unha “avaliación de urxencia” na que os danos referentes ás estruturas dos polideportivos e dos campos de fútbol foron unha constante. Os muros derrubados, os teitos levantados e os peches das instalacións deportivas totalmente dobrados son os estragos máis habituais.
Unha vez avaliadas as consecuencias nas infraestruturas deportivas e culturais da provincia a Área de Cultura e Deporte da Deputación pretende apoiar a todos os concellos e, especialmente, a aqueles que contan con menos recursos económicos no suposto de teren que abordar estas reparacións. Así, unha vez avaliados en profundidade todos os estragos a través das memorias presentadas e de varias visitas aos lugares sinalados, a Área de Cultura e Deporte asignará unha cantidade, aínda sen cuantificar, para axudarlles aos concellos a afrontar os custos derivados da reparación e/ou reconstrución dos seus espazos deportivos e culturais.
Os estragos na mariña lucense
A maior parte dos danos orixinados polo temporal rexistráronse na zona da mariña lucense. Así, as gradas da parte sur do campo de fútbol da Marosa, en Burela, quedaron totalmente inutilizables. No mesmo concello, as fortes rachas de vento levantaron tamén varias uralitas do polideportivo Os Castros. Outras localidades coma Viveiro, Ribadeo e Lourenzá, deron conta durante a primeira rolda de contacto, de varios danos no pavillón deportivo, na piscina municipal e no campo de fútbol respectivamente.