RIBADEO .- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, presentou hoxe en Ribadeo a iniciativa “Memoria de Muller”. Ao acto asistiron a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia.
“Memoria de Muller” naceu coa intención de propiciar un achegamento das mulleres ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información e mostrarlles a súa utilidade, co obxectivo de contribuír a reducir a fenda dixital que existe neste colectivo, sobre todo no que afecta ás mulleres que residen no rural. Preténdese tamén que o proxecto axude a recuperar a memoria histórica, persoal, social e/ou cultural de cada concello a través dos relatos persoais das mulleres participantes. As participantes actúan motivadas por unha implicación afectiva ao estar relatando pasaxes da súa vivencia recollidas da memoria. Neste sentido cómpre lembrar que no ano 2008 leváronse a cabo 23 iniciativas de “Memoria de Muller”, noutros tantos concellos do país.
As mulleres participantes no proxecto elaboraron un vídeo con fotografías e imaxes propias, ás que engaden a narración da súa propia historia, desde unha perspectiva de xénero, empregando a súa voz e o son ou músicas que consideraron oportunas. Concretamente os cinco proxectos desenvolvidos en Ribadeo e presentados hoxe centráronse na maternidade e na mocidade en tempos difíciles, na emigración, e en temáticas máis específicas como a romaría de Santa Cruz e a ría de Ribadeo. En cada proxecto de Memoria de Muller participan entre 4 e 8 mulleres, maiores de 50 anos, ás que un dinamizador da Rede guía a través de todo o proceso (dende a escritura da historia á selección e tratamento de imaxes, pasando pola montaxe ou a sonorización). Para que operen cos elementos das Novas Tecnoloxías impártenselle previamente unha serie de obradoiros que lles fornecen as destrezas necesarias para chegar ao resultado da vídeo.
Para máis información sobre o proxecto pódese acudir ao portal web da Rede de Dinamización da Sociedade da Información: www.redededinamizacion.eu.