FOZ .- A asociación de veciños O Castro de Foz esixe unha maior limpeza na rúa Martínez Otero onde se acumulan excrementos de paxaros “fundamentalmente estorniños que cos seus excrementos provocan unha situación incómoda e desagradable”, aseguran. O Castro considera que a solución ao problema “pasa por incrementar a limpeza desa zona atentar contra a natureza eliminando as palmeiras ou exterminando ós estorniños” .
Nota de Prensa
A Asociación de Veciños “O Castro” de Foz esixe unha maior limpeza na Rúa Martínez Otero
Tal e como calquera persoa pode comprobar, nas palmeiras plantadas nas confluencias da Rúa Martínez Otero coa Avenida da Mariña e coa Rúa Paco Maañón, desde hai xa moitos aniña unha gran cantidade de paxaros, fundamentalmente estorniños, que cos seus excrementos provocan unha situación incómoda e desagradable a toda persoa que por alí pase. A Asociación de Veciños “O Castro” considera incluso que a acumulación destes excrementos pode supoñer un perigo para a saúde das persoas que frecuentan esa zona, que non son poucas, xa que é onde se encontra a parada de taxis, un parque infantil, un colexio, un dos puntos informativos do Concello, unha farmacia e varios supermercados e tendas. Ademais, afecta tamén á imaxe que da o Concello de si mesmo, xa que se trata do centro do pobo e é das primeiras zonas á que chegan os visitantes.
Esta Asociación considera que a solución a este grave problema pasa por incrementar a limpeza desa zona, xa que o que non se pretende é atentar contra a natureza eliminando as palmeiras ou exterminando ós estorniños. Por tanto, a través deste medio a Asociación de Veciños “O Castro” solicita ó Concello que aumente a limpeza da zona indicada, así coma a de outras que se podan ver afectadas por cuestións similares, optimizando os recursos dos que se dispón.