Nota de Prensa
A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACION DE LUGO, DIRIXIDA POLO NACIONALISTA ANTONIO VEIGA, APORTARÁ 100.000 EUROS PARA O ARRANXO DA ANTIGA ESCOLA DE SAN MIGUEL NO CONCELLO DE BARREIROS
Técnicos da Deputación están xa redactando o proxecto para poder iniciar as obras neste ano
Venres, 16 de xaneiro. O responsable da Área de Cultura e Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, confirmou o investimento de 100.000 euros, por parte da Área de Cultura, para a recuperación integral da Escola de Indianos de San Miguel. Esta escola habanera que se atopa en San Miguel servirá de motor cultural e veciñal no Concello de Barreiros. Esta inversión que ascende a 100.000 euros, para unha primeira fase, servirá para dinamizar culturalmente o concello que na actualidade conta cun número elevado de entidades culturais.
Os servizos técnicos da Deputación de Lugo, están redactando o proxecto de rehabilitación do edificio indiano construíndo na 2ª década do século XX. A consignación de 100.000 euros nos orzamentos do ano 2009 confirman o compromiso adquirido polo deputado- delegado, o nacionalista, Antonio Veiga cos veciños e as veciñas de San Miguel a través da súa asociación de veciños.
Segundo Veiga a Área de Cultura da Deputación considera de gran valor o traballo realizado polos veciños polo que se comprometeu xa coa redacción do proxecto de rehabilitación integral deste singular e magnifico edificio indiano que conlevara unha actuación en varias fases e anualidades. Veiga recalcou que “mantemos o noso compromiso de que as vellas escolas de San Miguel van ser rehabilitadas, contando cun proxecto global para a reparación de todo o edificio, rematando coas improvisacións e os intentos fallidos de recuperación do edificio ao non dispor nunca de proxecto”
COMPROMISO DA ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN CO PATRIMONIO
O Responsable da Área de Cultura, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou o seu compromiso coas entidades asociativas e culturais para a recuperación e mantemento do patrimonio material e inmaterial. Veiga informou que a Área de Cultura da Deputación destinará axudas para a recuperación do noso patrimonio e para o mantemento de elementos singulares da nosa cultura. A escola habanera de San Miguel é un claro exemplo do noso patrimonio arquitectónico e cultural que, ademais do propio valor e interese do edificio, cumpre unha función social aglutinadora no entorno social no que está situada.
Entre outros moitos elementos da nosa arquitectura as escolas habaneras construídas a finais do século XIX e principios do XX en moitos dos concellos das comarcas do norte de Lugo teñen un especial interese pola utilización social que manteñen na actualidade. As escolas habaneras foron un elemento fundamental, impulsado desde as sociedades galegas na emigración, para achegar aos galegos e galegas unha formación básica que serviu para impulsar o noso país. Estas sociedades instauradas na Galiza exterior enviaron a través das escolas habaneras uns medios e coñecementos que aínda hoxe serven para manter un tecido asociativo que dinamiza a vida cultural e deportiva en moitas parroquias do norte de Lugo.
Antonio Veiga sinalou que un dos principais obxectivos da Área de Cultura da Deputación é o de poñer á disposición dos colectivos culturais e dos concellos os medios necesarios para manter e recuperar aqueles elementos que poidan incidir na valorización do noso patrimonio histórico-artístico e na potenciación do tecido asociativo no medio rural.
2008 ANO DO CENTENARIO DA CONSTITUCIÓN NA HABANA DA ASOCIACIÓN “HIJOS DE SAN MIGUEL Y REINANTE”
A área de cultura xa colaborou ao longo do 2008 coa Asociación de Veciños nos actos do centenario da Asociación Hijos de San Miguel y Reinante recibindo unha axuda económica que ascende a 1140 euros, para levar a cabo as actividades do centenario da Asoción.
A asociación “Hijos de San Miguel y Reinante” constituíuse o 23 de agosto de 1908 na Habana e foi fundada por emigrantes de San Miguel e Reinante, no concello de Barreiros, que preocupados pola súa terra levaron adiante actuacións que contribuíron ao progreso da súa vila e comarca, a nivel cultural, educativo, formativo e económico. No caso da asociación da que este ano se cumpre o seu centenario con actuacións tan relevantes como a construción da antiga escola de Reinante cuxas obras comezaron no ano 1910 e remataron en 1925. A AA.VV de San Miguel de Reinante e continuadora do traballo dos barreirenses da diáspora, mantendo con esforzo o edificio e a organización de actividades culturais no mesmo.