NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG CONSIDERA QUE AS CRÍTICAS DOS POPULARES Á LEI DE DEPENDENCIA PRETENDEN OCULTAR AS CARENCIAS NA SÚA ETAPA NA XUNTA. OS NACIONALISTAS DIN QUE HAI 800 MARIÑANOS QUE TEÑEN RECOÑECIDAS AXUDAS AO COIDADOR.
A Mariña, 23 de xaneiro de 2009. O BNG da Mariña considera que as críticas verquidas hai uns días desde o PP sobre a lei de dependencia e a súa aplicación nesta comarca “pretenden ocultar as súas vergonzas e as carencias na súa ampla etapa de goberno na Xunta”. Manuel Parga, nº 3 da lista que o BNG presenta por Lugo ás eleccións autonómicas do 1 de marzo, sinala que “na etapa do PP a inversión para dependencia foi cero, cero tamén para os centros de día, cero para as residencias adaptadas… as políticas sociais non eran obxecto da súa preocupación e agora coas críticas pretenden tapar esas carencias”.
Parga engade que “minten ou ignoran o que supón a lei de dependencia para esta comarca na que hai 800 mariñanos que teñen recoñecidas axudas ao coidador; hai outros veciños que se benefician do cheque asistencial onde se están a adicar 20 millóns de euros en todo o país, o que supón un 56% máis do que se destinaba na época do PP na Xunta. Temos na Mariña prazas residencias adaptadas; os cidadáns contan tamén con axuda no fogar… os concellos reciben un 229% máis de fondos que no ano 2005. Pasamos nesta prestación de 6 millóns a 21 millóns de euros”. O deputado nacionalista asegura que “por primeira vez na comarca funciona o 065 para facilitar a mobilidade das persoas en situación de dependencia e contamos tamén co programa Xantar na casa. Polo tanto son moitas as prestacións que reciben os cidadáns da Mariña”.
Manuel Parga di que “as críticas do Sr.Balseiro nas que amosou datos de 6 concellos da Mariña, a maioría deles gobernados polo PP, o que denotan é unha mala xestión porque están máis preocupados en facer oposición con temas tan sensibles coma este que en solucionar os problemas dos seus veciños. O BNG vai seguir traballando para aportar solucións e priorizar as políticas sociais e de benestar que parece que é o que lle molesta ao Sr.Balseiro, o que amosa unha falta de respecto e de dignidade na forma de facer oposición”.