RIBADEO .- A xunta de voceiros do Concello acordou no seu encontro de onte dividir ao cincuenta por cen, entre a vila e as parroquias, os fondos de inversión estatal que recibirá Ribadeo e que ascenden a 1.717.000 euros. Fernando Suárez destaca “o criterio certamente unánime adoptado polos catro grupos que formamos a Corporación atendendo a varias razóns. Acordamos dividir eses cartos ao cincuenta por cen entre a vila e as parroquias, si ben é certo que nas parroquias xa non hai tanta xente coma na vila… non é coma hai anos, sí que teñen unhas deficiencias estructurais, teñen unha importante dispersión de poboación e mesmo as chuvias dos últimos meses lles fixeron máis dano ás parroquias que á vila, de aí que o criterio xusto sexa esa división”.
O alcalde de Ribadeo engade que “tamén acordamos priorizar inversións naquelo que non sexa susceptible de ser subvencionado por outras liñas de axuda. Ademáis todos presentamos propostas que moitas delas coincidiron desde un principio. Houbo coincidencia no esencial e todos fomos xenerosos á hora de renunciar a propostas propias para tentar incorporar as dos outros grupos. Agora non quero facer (para non defraudar expectativas) un relatorio do que acordamos porque os técnicos desde hoxe están empezando a valorar todos estes proxectos na prioridade que lles demos para dentro duns días voltar a xuntarnos cando xa teñamos unhas cifras máis aproximadas enriba da mesa para mirar cantas desas obras van ir definitivamente e cantas van quedar fora”.
Suárez Barcia sinala que “para as necesidades que temos faría falla moito máis diñeiro, ainda que esta cantidade que recibiremos non é nada despreciable e todos agardamos que redunde no ben de Ribadeo”.