Nota de Prensa
AO ALCALDE SEMELLA DISGURTARLLE MAIS RECIBIR AXUDAS DE AREAS DE GOBERNO DO BNG PARA FINANCIAMENTO DO PAI QUE NON RECIBILAS.
O BNG pídelle ao alcalde que se poña a traballar no lugar de andar alimentando polémicas estériles.
Pedir unha axuda de 1.300 euros para arranxo de parques infantís tendo os do concello na situación lamentábel na que están non di moito dos xestores municipais.
Sorprende que o alcalde de Cervo critique a concesión dunha axuda que permite a financiación do 100% do servizo do Punto de Atención Infantil de San Cibrao e que debería servir para aumentar o horario de apertura e os servizos que se prestan de acordo coas necesidades dos seus usuarios e usuarias. Da a sensación de que ao alcalde moléstalle que unha administración xestionada polo BNG poña os medios para mellorar a calidade dos servizos sociais en Cervo, algo que non ten moito sentido nun xestor municipal xa que por riba dos intereses partidistas deben primar sempre o interes veciñal que semella esquecer o Sr. Villares.
O BNG recoméndalle ao alcalde que se poña a traballar para mellorar a calidade do servizo que o concello presta no P.A.I., aumentando o seu horario de apertura e os servizos que presta ou reducindo drasticamente as taxas para poder xustificar a concesión da axuda pola Delegación de Benestar Social da Deputación que, como non podía ser doutro xeito, traballa coordinada coa Vicepresidencia da Xunta para complementar a prestación de servizos sociais o que permitiu no caso de Cervo recibir axudas por mais de 125.000 euros no ano 2008 para desenvolver políticas do Plan Concertado, desenvolvemento da Lei de Dependencia e conciliación familiar.
O CONCELLO NON SE SOUBO APROVEITAR DA ORDE DE AXUDAS PARA ARRANXO DE PARQUES INFANTIS.
O goberno municipal non se soubo aproveitar da orde de axudas para actividades e equipamentos de ocio infantil postas a disposición dos concellos pola Delegación de Benestar Social da Deputación. Na mesma dispúñanse axudas sen contía máxima cun máximo financiábel do 70%. A pesar da situación lamentábel na que se atopan os parques infantís do concello, algúns tan deteriorados que poden ser perigosos para os nenos e nenas, a solicitude dunha mínima axuda de 1.300 euros para pequenas obras de adaptación dun só parque pon de manifesto a falla de iniciativa dun goberno municipal torpe e desnotado que está mais preocupado, mais preocupado na loita partidista que en solucionar os problemas dos veciños.
O BNG SEGUE RECLAMANDO A INTEGRACIÓN NO CONSORCIO DE IGUALDADE E BENESTAR PARA MELLORAR OS EQUIPAMENTOS E SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO.
Dende o BNG seguimos insistindo na necesidade de integración do concello no Consorcio galego de Servizos Sociais para conseguir unha financiación estábel e mais e mellores equipamentos sociais que demanda a sociedade. A negativa do PP a esta integración, impide a creación de equipamentos tan importantes como un Centro de Día para atender as necesidades dos maiores e persoas dependentes así como unha escola infantil de 0 a 3 anos coa calidade que os veciños e veciñas demandan.