Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o PP a Xunta non aumentará o persoal dos helicópteros de salvamento

NOTA DE PRENSA:

O Grupo Popular leva meses advertindo das carencias deste servizo, mentres que o bipartito fixo caso omiso das denuncias

O BIPARTITO NÉGASE A INCREMENTAR O PERSOAL DOS HELICÓPTEROS DE SALVAMENTO MARÍTIMO, IGNORANDO OS RETRASOS REXISTRADOS NOS ÚLTIMOS NAUFRAXIOS

* O BNG volve amosar a súa faciana máis sectaria e trata de desviar a atención do debate poñendo en cuestión a profesionalidade dos xornalistas dun medio de comunicación

Santiago, 18 de decembro de 2008.- Os deputados do PSOE e do BNG rexeitaron hoxe no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei coa que o PPdeG pretendía instar á Xunta a reforzar a tripulación dos helicópteros de salvamento marítimo de titularidade autonómica –con bases en Vigo e Celeiro- para garantir a presenza persoal, de xeito permanente, que garanta a operatividade das aeronaves durante as 24 horas do día.

No debate da iniciativa, o portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, cuestionou que, nas datas previas ao afundimento do Rosamar, a Xunta permitise deixar a base de Celeiro sen helicóptero de Salvamento, ao trasladar o Pesca II ao aeroporto coruñés de Alvedro para suplir ao Helimer Galicia, dependente da Sociedade Estatal de Salvamento e Seguridade Marítima.

Deste xeito, a base de Celeiro quedou sen helicóptero mentres que a da Coruña pasou a contar con un de inferior capacidade de resposta, xa que en lugar de dispoñer de persoal na base, como sucede cando o Helimer está operativo, o persoal estaba nun hotel.

Balseiro apuntou que meses despois do naufraxio do Cordero, seguen sen explicarse as neglixencias rexistradas entón, con carencias nos medios aéreos e retrasos na activación dos medios marítimos, tal e como leva denunciando o PPdeG desde entón.

Para os populares galegos, resulta sorprendente que o bipartito dificulte a investigación das neglixencias para mellorar o funcionamento dos medios de salvamento marítimo. De feito, no seu momento, PSOE e BNG rexeitaron, no Parlamento de Galicia, a creación dunha comisión de seguridade marítima na Cámara autonómica e impediron tamén a comparecencia dos patrón dos barcos que participaron no rescate do Cordero e dos representantes do Sepla que advertiron das deficiencias do modelo galego de salvamento marítimo.

Fronte a estas evidencias, no debate desta tarde, PSOE e BNG trataron de desviar a atención, buscando librar de calquera responsabilidade á conselleira de Pesca.

LOBEIRA CUESTIONA A INDEPENDENCIA XORNALÍSTICA

No mesmo debate, o nacionalista Bieito Lobeira volveu amosar a faciana máis sectaria do BNG e tentou de desviar a atención, chegando a poñer en cuestión a profesionalidade dos xornalistas de La Voz de Galicia, aos que acusou de manipular a información. A reflexion xurdiu ao afirmar que Balseiro podería traballar nese medio pola súa capacidade para inventar as informacións e manipular a realidade.

Pola contra, Balseiro insistiu en que o PPdeG cree e defende a liberdade, nun contexto que permita aos medios de comunicación exercer a súa función sen cortapisas nin coaccións.

Exit mobile version