RIBADEO .- As Concellarías de Cultura e Deportes e Xuventude e a OMIX de Ribadeo organizan actividades lúdico-deportivas para os nenos a partires de 3 anos que comezarán o vindeiro 22 de decembro e rematarán o 3 de xaneiro. “Polas mañás terán lugar as actividades deportivas, bailes e ritmos e polas tardes serán os obradoiros, os inchables e o teatro para os máis pequeniños”, explica Mariluz Álvarez Lastra, concelleira de Cultura.
O pavillón polideportivo acollerá unha ludoteca de 16:30 a 19:30 destinada a todos aqueles nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos que funcionará os días: 22, 23, 29 e 30 de decembro “e tamén haberá obradoiros para os nenos maiores de 7 anos. O horario será de 16:30 a 19:30 e os días de celebración serán o 22, 23, 29 e 30. As actividades que se realizarán nestes obradoiros serán: adornos de Nadal, marcapáxinas, papiroflexia, títeres e xogos con refugallo e malabares”, segue a relatar a edil nacionalista.
O colexio Gregorio Sanz será o escenario das actividades previstas para as mañás. De 11:30 a 13:30 haberá prácticas deportivas con diferentes modalidades coma hockey, voleyball, balonmán, aerobic, batuka, circuito de xogos populares, gran xogo… Nesta modalidade inclúense a festa cos inchables prevista para o 2 de xaneiro, o show dos pallasos do 26 de decembro e as obras de teatro previstas para os días 23, 27 e 3. Segundo Mariluz Álvarez Lastra “as entradas para o teatro serán gratuítas e poderán recollerse no Centro Comercial Aberto de Ribadeo que colabora con nós e que asume o custe destes espectáculos”.
Os interesados en participar nestas actividades poden anotarse no teléfono 982 120 808 ata o xoves 18 de decembro e deberán pagar unha couta de inscrición de 10 euros. A concelleira de Cultura lembra que “haberá servizo de transporte gratuíto nas parroquias (previa inscrición) para as actividades dos días 23, 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro. Dependerá, iso si, da demanda que teña”.