Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo contará cunha axencia da sustentabilidade e instalará paneis solares na piscina

RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez e o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro asistiron ao I Encontro de Núcleos Piloto de Sostibilidade de Galicia que se celebrou en Santiago. O rexedor lembrou que o acordo adoptado en pleno por unanimidade hai uns meses permitiu que “Ribadeo fose escollida coma un dos cinco concellos galegos que entraron nesta nova remesa de núcleos sostibles. Trátase dunha iniciativa que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente na que vai seleccionando a unha serie de concellos e nós agora estamos entre eles xunto con Oza dos Ríos, Curtis, Carballiño e Lalín, sendo Ribadeo o único concello da provincia de Lugo que entrou neste programa piloto de cara a facer actividades de sustentabilidade e que poñan en valor o noso medio ambiente”.
Máis de 200.000 euros
Ribadeo recibirá coma núcleo sostible de Galicia importantes partidas económicas ao longo dos vindeiros anos. Neste 2008 a cifra que percibirá será de 28.000 euros, 85.000 serán os que reciba o Concello no ano 2009 e 90.000 no 2010. Con cargo a estes orzamentos o Concello “instalará paneis solares na piscina municipal, o que suporá un aforro enerxético importante e ao mesmo tempo daremos exemplo do que as enerxías renovables poden ter de positivo”, explica Fernando Suárez. O rexedor engade que “se van facer actividades de reciclaxe a través de composteiros que instalaremos en varios puntos da vila para que os veciños participen desta experiencia sobre a compostaxe. Tamén levaremos adiante campañas de aforro no consumo de auga e de enerxía… de feito xa imos adoptar medidas no ámbito do alumeado público tal e como anunciábamos hai uns días”.
Suárez Barcia anuncia “a creación dunha axencia local de sustentabilidade e imos avanzar na execución das Axendas 21 tanto local coma escolar”. O alcalde felicita “a todos grupos políticos do Concello que co seu apoio unánime fixeron posible que participásemos nesta iniciativa e que fose seleccionado Ribadeo coma concello piloto deste tipo de desenvolvemento sostible e agora ao goberno tócanos a responsabilidade de desenvolver estas iniciativas para que o noso concello sexa un espello no que outros poidan mirarse. Este programa lonxe de ser traba é unha oportunidade de traballo e unha fonte de riqueza.

Exit mobile version