BURELA.- A empresa Materiales Cerámicos de Burela regulará, durante seis meses, a 32 dos 39 empregados da plantilla. Os traballadores acataron en asamblea o preacordo de regulación temporal de emprego que acadaron empresa e centrales sindicais.
NOTA DE PRENSA:
ASINADO ACORDO PARA REGULACIÓN TEMPORAL DE EMPREGO EN MACESA
Os traballadores e traballadoras de MATERIALES CERÁMICOS,S.A. (MACESA) decidiron onte en asemblea aceptar o preacordo ao que chegaran os delegados coa empresa.
Ás 18h. tivo lugar nas dependencias da empresa MACESA (Gres Burela) a asemblea na que os traballadores e traballadoras tomaron a decisión de ratificar o preacordo ao que se chegara nas negociacións entre a dirección da mesma e os representantes do persoal. Á mesma asistiron 35 das 39 persoas que compoñen a plantilla.
O proceso de negociación coa dirección da empresa prolongouse durante os tres últimos meses. Os traballadores e traballadoras da empresa foron puntualmente informados de cada paso que se foi dando na negociación nas distintas asembleas que se celebraron neste período.
Nesta última asemblea, os delegados e os membros do sindicato que os asesoraron durante o proceso negociador, informaron da documentación económica aportada pola empresa e dos compromisos que aceptou esta na última reunión.
O Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) proposto pola empresa sería temporal, cunha duración de 6 meses (entre o 01 de xaneiro e 01 de xullo de 2009), e afectaría a 32 dos 39 traballadores e traballadoras da plantilla. Entre os compromisos adquiridos pola empresa tras a negociación están os seguintes:
* manter os postos de traballo actuais e, incluso, converter en indefinidos todos os contratos eventuais previamente ao inicio do expediente;
* O abono da paga de beneficios integra no 2009 e 2010;
* Facerlle efectivo a cada traballador ou traballadora a cantidade de 100 euros mensuais como compensación pola merma dos salarios e mentres non se reincorporen á empresa.
* Indemnización de 45 días por ano de traballo no caso de que a empresa prescindise dos servizos dun traballador ou traballadora mentres dure o expediente.
Todos estes compromisos contribuíron a erradicar os iniciais temores existentes entre a plantilla e aumentar a confianza de que este expediente de regulación temporal servirá para retomar a produción no mes de xullo.
Os delegados da Confederación Intersindical Galega, como facemos sempre dado o noso compromiso co asemblearismo, sometemos a referendo entre os traballadores e traballadoras a aceptación destas condicións. O resultado de 26 votos a favor por seis en contra non deixou lugar a dubidas sobre a decisión maioritaria de asinar o acordo.