Site icon Crónica3.com A Mariña

O Senado aproba unha moción do BNG para compensar aos concellos pola rebaixa do valor catastral

Nota de Prensa
O SENADO APROBA UNHA MOCION DO BNG PARA COMPENSAR AOS CONCELLOS POLA REBAIXA DO VALOR CATASTRAL DOS B.I.C.E.S.
A iniciativa nacionalista saíu adiante na Comisión de Entidades Locais do Senado a pesar dos votos en contra do PSOE.
O concello de Cervo aprobara no mes de maio por unanimidade a esixencia de compensacións pola perda 140.000 euros neste concepto.
Cervo, 17 de decembro de 2008. O senador nacionalista, Xosé Manuel Pérez Bouza, sacou adiante na Comisión de Entidades Locais do Senado o pasado día 11 de decembro, unha moción pola que o goberno do Estado debera compensar aos concellos que viron minguados o seus ingresos en concepto de IBI aplicado aos Bens Inmobiliarios de Características Especiais (BICES), a fin de garantir o principio de suficiencia financeira consolidada que tiñan as entidades municipais afectadas conforme aos Arts. 140 e 142 da Constitución, aprobando e habilitando as partidas necesarias nos Orzamentos Xerais do Estado para 2009. Ademais, no segundo punto do acordo instase ao goberno estatal a modificar a Lei de Facendas Locais, Texto Refundido aprobada polo Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 marzo, que garanta un reparto máis equitativo no IBI-BICES de xeito que non prexudique os ingresos dos municipios.
O BNG AGARDA O CUMPRIMENTO POLO GOBERNO DA MOCION APROBADA NO SENADO QUE ESTA EN LIÑA CO ACORDO UNANIME DA CORPORACION CERVENSE EN MAIO DE 2007.
O Pleno do concello de Cervo aprobaba o pasado mes de maio por unanimidade unha proposta mediante a cal se instaba a revisión do valor catastral dos BICES ou a compensación pola perda de ingresos neste concepto derivada da aprobación do Real Decreto 1464/2007 de 2 de novembro, polo que os valores catastrais destes bens inmóbeis sufriron unha cuantiosa redución que provocaron unha importante perda de ingresos do concello de Cervo polo pantano de Río Covo e o porto de ALCOA. 
Coa aprobación desta moción do BNG no Senado, o concello de Cervo debería ser compensado economicamente pola perda destes ingresos no ano 2009, a pesar de que a iniciativa non contara cos votos favorábeis dos representantes do PSOE no Senado. O BNG entende que a iniciativa aprobada no Senado e xusta, legal e posíbel, moito mais se temos en conta as dificultades económicas polas que pasan os concellos pequenos como Cervo, aos que unha perda tan importante de ingresos deriva na insuficiencia para afrontar os gastos dos servizos que se prestan aos cidadáns.

Exit mobile version