CERVO .- O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares desprazarase xunto con técnicos do Ente Público Augas de Galicia ata a localidade de San Cibrao co obxecto de ultimar os detalles definitivos e visitar os espazos nos que se levarán a cabo as actuacións do proxecto de saneamento integral que ten previsto desenvolverse nesta poboación. A vista enmárcase no contexto do compromiso arrincado polo primeiro edil cervense na última xuntanza que mantivo co presidente deste Ente Público autonómico, José Luis Romero Valeiras. Nela comprometéronse a licitar o saneamento nos núcleos de San Cibrao e tamén o de Cervo antes do vindeiro mes de marzo.
MELLORAS A INICIATIVA DO CONCELLO
O Alcalde de Cervo tamén logro que Augas de Galicia asumira varias melloras que deberán formar parte do futuro proxecto. Entre elas, figura o cambio de situación da estación depuradora de augas residuais (EDAR); así coma o seu sistema de tratamento. Villares explicou que con este cambio o Concello de Cervo consegue que a localización recollida no proxecto inicial para a EDAR (na zona da Atalaia) se traslade ao polígono de Cuíña. Ao mesmo tempo tamén clarexou que a nova depuradora terá o dobre de capacidade de depuración que a inicialmente proxectada, e fará a súa función mediante un sistema de tratamento biolóxico das augas, fronte ao tratamento físico-químico que estaba previsto inicialmente.
EN SERVIZO EN 2009
Para o rexedor municipal de Cervo, o empeño posto polo Equipo de Goberno nas distintas negociacións que levan mantendo nos últimos meses con Augas de Galicia e coa Consellería de Medio Ambiente veñen a dar os seus froitos e, de cumprirse as previsións é probable que esta actuación poida estar en marcha a finais do vindeiro ano 2009