CERVO .-A gardería infantil de San Cibrao volve ser de balde, gracias as achegas da Deputación Provincial e da Vicepresidencia da Xunta de Galiza. A partir de agora o Concello considera que os pais non teñen que achegar cartos a maiores e retirará as taxas que están establecidas, para que as familias podan facer uso do servizo de balde.
NOTA DE PRENSA REMITIDA POLO CONCELLO:
O Punto de Atención á Infancia de Cervo (PAI) volve a ser o único servizo destas características en toda a Mariña lucense que non terá ningún custo para as familias usuarias, nais e pais de 22 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos. Así o anunciou o Goberno municipal, que dirixe Alfonso Villares despois de que as administracións en mans de nacionalistas e socialistas rectificaran a súa posición inicial: Nun primeiro momento a Vicepresidencia da Xunta de Galicia reduciu as axudas dirixidas a sufragar os custes de persoal e mantemento deste servizo –de 90.542,12 euros en 2005 pasouse a 14.000 euros en 2007- Máis tarde, non tiveron outro remedio que rectificar, conscientes da inxustiza e das moitas críticas que esta situación estaba a carrexar, e remataron por conceder unha axuda de 54.282 euros con cargo aos fondos da Deputación provincial de Lugo, previa solicitude municipal.
Desde un primeiro momento o Alcalde de Cervo explicou que a intención do Goberno que preside era manter a gratuidade do PAI, tendo en conta que se trata dun servizo esencial, cun carácter eminentemente social e chamado a satisfacer un triplo obxectivo: facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, garantir o coidado dos nenos e nenas nesa franxa de idade con calidade e garantías suficientes, á vez que ofrecía unha primeira aproximación de carácter pre-educativo para cada un destes rapaces.
CERVO NA VANGARDA DO BENESTAR
Unha vez máis Cervo está na vangarda do benestar e dos servizos sociais de calidade destinados aos seus veciños. Non esquezamos que o municipio cervense foi un dos primeiros en ofertar a gratuidade dos libros de texto e axudas directas para compensar a todas as familias o custo do transporte escolar. Hoxe recupera tamén a posibilidade de que os nenos e nenas con atas 3 anos dispoñan dun servizo sen ter que pagar un só euro.
TAXA SEN EFECTO
Despois de que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar reducira as súas axudas, o Goberno municipal veuse na obriga de repercutir parte do custo do servizo ás familias usuarias do PAI. Con este obxecto aprobou unha nova taxa que segundo hoxe anuncian non se fará efectiva. Desde un primeiro momento no Executivo cervense deixaron claro que a mesma estaba motivada pola inxustificable redución das axudas por parte do Goberno bipartito da Xunta e tomaba como importes de referencia para a taxa os establecidos na lexislación autonómica. Máis a pesar de todo iso o Concello de Cervo asumía con fondos propios máis do 80% do importe global dos gastos de mantemento do servizo e dos custes de persoal, e articulou na propia taxa unha serie de bonificacións segundo as circunstancias persoais e económicas de cada familia para evitar que existiran veciños prexudicados polo novo custo.
PRESIÓN A PSOE E BNG
Hoxe a situación mudou, as distintas administracións en mans de socialistas e nacionalistas rectificaron na súa idea inicial e agora, co importe total das axudas recibidas o custe global do PAI é máis que asumible polo Concello de Cervo con cargo a fondos propios. Precisamente esta circunstancia permite facer efectivo o compromiso que no seu día o Goberno municipal adquiriu coas familias cervenses: o Punto de Atención á Infancia pasa a ser gratuíto e triunfa polo tanto a presión exercida a PSOE e BNG cuxa falta de dilixencia e despreocupación obrigou a aprobar no seu día a vella taxa.
SERVIZO MAÑÁ E TARDE
O PAI de Cervo, sito na urbanización Atalaia de San Ciprián, conta con tres profesionais tituladas en diversas áreas de atención á infancia e educación e ten un horario de 9 a 14 horas na mañá e de 15 a 20 horas pola tarde. A diferenza doutros servizos de similares características o proxecto pedagóxico do centro céntrase na atención aos nenos e na aproximación ao mundo educativo destes rapaces moito antes de ter que acudir ao colexio. Exclúe a imposición do galego como única lingua a diferenza do que, tal e como afirman, acontece hoxe coas galescolas.