Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide o cese da Conselleira de Pesca por ter descuberta a base de helicópteros de Celeiro

NOTA DE PRENSA:

O Grupo Popular leva meses advertindo das carencias deste servizo, mentres que o bipartito fixo cado omiso das denuncias

RUIZ RIVAS INSTA A TOURIÑO A QUE CESE INMEDIATAMENTE Á CONSELLEIRA DE PESCA POR DEIXAR DESCUBERTA A BASE DE CELEIRO E TRASLADAR O HELICÓPTERO PESCA II A ALVEDRO

* O PPdeG volve reclamar que a Xunta reforce as tripulacións dos helicópteros de salvamento marítimo para garantir a presenza de persoal nas bases durante as 24 horas

* Insiste en que 11 meses despois do naufraxio do Cordero, segue sen explicarse a sucesión de neglixencias rexistradas naquel operativo

Santiago, 9 de decembro de 2008.- O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, acompañado polo voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, efectuou hoxe un novo chamamento á Xunta de Galicia para que reforce as tripulacións dos dous helicópteros de Salvamento Marítimo de titularidade autonómica, de xeito que dispoñan de persoal de garda física nas bases (Vigo e Celeiro) durante as 24 horas do día e os 365 días do ano.

A proposta está recollida nunha proposición non de lei que o PPdeG pretende someter a debate no próximo pleno do Parlamento de Galicia, pero que xa fora rexistrada o pasado 1 de setembro. Desgraciadamente, esta iniciativa cobra especial relevancia neste momento, unha vez coñecidas as carencias rexistradas no operativo de salvamento marítimo do pesqueiro Rosamar, afundido o pasado venres fronte á costa de Lugo.

De feito, o PPdeG leva meses advertindo das carencias dos medios de salvamento marítimo, que xa foran postas de manifesto a raíz do naufraxio do Cordero, en xaneiro deste ano. Sen embargo, o bipartito fixo caso omiso de tales advertencias, como quedou de manifesto no último sinistro.

SILENCIO CÓMPLICE DE TOURIÑO

Neste escenario, Ruiz Rivas reclamou ao presidente da Xunta, ao que acusou de manter un “silencio cómplice”, que cese inmediatamente á conselleira de Pesca, Carmen Gallego, por ter permitido que a base de Celeiro quedase sen helicóptero de Salvamento, ao ser trasladado o Pesca II ao aeroporto coruñés de Alvedro para suplir ao Helimer Galicia, dependente da Sociedade Estatal de Salvamento e Seguridade Marítima.

Deste xeito, a base de Celeiro quedou sen helicóptero mentres que a da Coruña pasou a contar con un de inferior capacidade de resposta, xa que en lugar de dispoñer de persoal na base, como sucede cando o Helimer está operativo, o persoal estaba localizado nun hotel, co conseguinte retraso para a activación de calquera operativo. “Vestiron un santo para desvestir dous”, afirmou Ruiz Rivas referíndose á situación creada.

Na mesma rolda de presa, o portavoz parlamentario do PPdeG cuestionou a actitude que tanto a Xunta como o Goberno central están manter en relación coas deficiencias rexistradas no dispositivo de salvamento do Rosamar o que, ao seu xuízo, pon de manifesto as neglixencias cometidas.

Recordou Ruiz Rivas que once meses despois do naufraxio do Cordero, seguen sen explicarse as neglixencias rexistradas entón, con carencias nos medios aéreos e retrasos na activación dos medios marítimos.

NEGLIXENCIAS

Agregou, ademais, que resulta sorprendente que o bipartito dificulte a investigación das neglixencias para mellorar o funcionamento dos medios de salvamento marítimo. Ata tal punto foi así que PSOE e BNG rexeitaron, no Parlamento de Galicia, a creación dunha comisión de seguridade marítima na Cámara autonómica.

Preguntou tamén o portavoz parlamentario do PPdeG se no hipotético caso de que a empresa contratada por Fomento e pola Xunta para salvamento marítimo non fose a mesma se tería producido o traslado da aeronave desde Celeiro á Coruña.

Balseiro Orol acusou á Xunta de actuar de costas ao sector, ocultando ao mariñeiros da costa cantábrica galega o traslado do helicóptero de Celeiro á Coruña, a pesar de que eses días había unha alerta meteorolóxica.

Exit mobile version