Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide 60 millóns de euros para “superar tres anos perdidos para a Mariña”

NOTA DE PRENSA

Balseiro Orol avoga por sumar unha partida de 15 millón de euros adicionais para o corredor da costa Ferrol-San Cibrao aos que engade dous millóns de euros máis para a construción da variante de Viveiro por ser ambos proxectos esquecidos polo Goberno de PSOE e BNG

O PPdeG PROPÓN EMENDAS POR VALOR DE 60 MILLÓNS DE EUROS A FIN DE SUPERAR TRES ANOS PERDIDOS PARA A MARIÑA LUCENSE

* Obras públicas, sanidade, benestar e actuacións en materia de abastecemento, saneamento e medio ambiente, prioridades de gasto para o PPdeG

* O Grupo Popular insiste na necesidade de destinar:

o Tres millóns de euros para o Hospital da Costa (2 millóns para amplialo e 1 millón para dotalo dunha resonancia magnética permanente)

o Dous millóns de euros para desenvolver novos proxectos de vivenda a prezos accesibles e poñer fin á parálise do bipartito.

o As emendas do PPdeG reclaman novos centros de día e residencias para persoas maiores, así como a creación dunhas vivendas tuteladas para mulleres maltratadas como dotacións básicas en materia de benestar.

o Os populares multiplican os investimentos en materia de creación e disposición de solo industrial e non renuncia á creación do polígono de Alcoa tal e como está a facer o bipartito.

A Mariña, 11 de decembro de 2008.- O deputado autonómico do PPdeG, Jose Manuel Balseiro Orol, anunciou hoxe que as emendas formuladas polo seu grupo para recuperar o tempo perdido en todas as grandes obras públicas e outras actuacións que a Xunta bipartita deixou de executar no que vai de lexislatura na nosa comarca suman un total de 59.562.021 euros. De saír adiante, para o que precisan do apoio de PSOE ou do BNG, corrixiríase a insuficiente previsión de gastos dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009.

Nunha rolda de prensa ofrecida este mediodía, Balseiro Orol apuntou que unha das partidas máis voluminosas deste paquete de emendas territorializadas corresponde á iniciativa para achegar 15 millóns de euros adicionais en 2009 a fin acelerar a execución das obras da vía de alta Capacidade Ferrol-San Cibrao, despois de que nos últimos tres anos Xunta e Goberno central non foran quen de executar un só quilómetros dos 65 previstos no treito autonómico. A esta partida debemos engadir dous millóns de euros máis para a construción da variante de Viveiro, actuación de gran complexidade técnica que ten esquecida o Goberno de PSOE e BNG.

SANIDADE PRIORIDADE DE GASTO

As outras grandes partidas por nivel de investimentos distribúense en varios ámbitos: sanidade, xestión de emerxencias e posta a disposición de novo solo industrial. Así por exemplo o PPdeG propón achegar 2 millóns de euros para a ampliación estrutural do Hospital da Costa e outro millón máis para a instalación dunha resonancia magnética permanente. Ambas actuacións son de carácter prioritario. A primeira, tendo en conta que a día de hoxe os doentes e usuarios do centro hospitalario mariñán sofren os prexuízos derivados da falta de reacción da Xunta que non levou adiante nesta lexislatura, pese a telo prometido en diversas ocasións, o proxecto de ampliación do colapsado centro sanitario especializado. No segundo caso o sito en Burela é o hospital galego onde máis persoas fan uso da resonancia magnética móbil como medio de diagnose o que xustificaría o investimento para dispoñer deste novo servizo con carácter permanente e de maior calidade para os seus usuarios. Segundo o PPdeG, a herdanza do bipartito na Mariña en materia sanitaria son a multiplicación das listas de espera que por primeira vez chegan ata os centros de atención primaria e médicos de familia.

En relación cos centros de saúde, o PPdeG insiste na necesidade de destinar achegas específicas para melloras nas instalacións sitas nos concellos de Viveiro (40.000 €), Barreiros (30.000 €) e Mondoñedo (30.000 €) ou para a construción de novas instalacións en Cervo (200.000 €) ou a disposición do servizo de emerxencias as 24 horas (PAC) en Foz.

VIVENDA ACCESIBLE

Se a mellora do sistema público de saúde constitúe unha prioridade de gasto reflectida nas emendas do Grupo Parlamentario Popular, a disposición de vivenda social e protexida, a un prezo accesible, forma parte tamén dos obxectivos marcados polas propostas de gastos que explicou Balseiro Orol. A pesar da profunda crise do sector da construción moitos mariñáns están a verse imposibilitados á hora de dispoñer do futuro fogar e a Xunta, ao longo desta lexislatura non promoveu ningún novo edificio u vivenda, limitándose a investir naquelos proxectos xa iniciados polo Goberno anterior ou a retrasar, como no caso de Barreiros, Burela ou Cervo a entrega definitiva das vivendas aos seus lexítimos adxudicatarios. Por iso, o PPdeG reclama novos proxectos de vivenda accesible en todos e cada un dos concellos mariñáns dedicando máis de 2 millóns de euros para facelo realidade. Como partidas específicas destacan, polo seu importe a rehabilitación do barrio dos Muiños en Mondoñedo (recibirían 600.000 euros) ou a rehabilitación do barrio de O Celeiriño, triste resultado da falta de rigor urbanística que caracterizou a actuación dos actuais responsables municipais do concello de Viveiro.

POLÍGNO DE ALCOA: APOSTA POLO EMPREGO

En materia de polígonos industriais as emendas dos populares superan os dous millóns de euros, e veñen a complementar as partidas que xa existen nos orzamentos actuais, máis en concreto nos seguintes emprazamentos: Alfoz -O Valadouro (200.000), Chavín-Viveiro (170.000), Camba en Xove (200.000), Foz (200.000). Balseiro Orol tampouco renuncia, a diferenza do que fixo a Xunta á creación da gran área industrial e estratéxica no contorno de Alcoa. A emenda do PPdeG achega máis de medio millón de euros con este obxecto. Sen dúbida, esta realidade contrasta coa situación actual onde a Xunta non prima o desenvolvemento e disposición de solo para as distintas empresas que demandan estas dotacións na nosa comarca. Ao mesmo tempo o PPdeG entende que estas actuacións son un incentivo efectivo para a creación de novas oportunidades de emprego.

3,6 MILLÓNS DE EUROS PARA INCREMENTAR O ESTADO DO BENESTAR

O Grupo Parlamentario Popular destina tamén 3,6 millóns de euros para incrementar o Estado do Benestar, destinados á construción, posta en marcha e apertura de Centros de Día en Cervo, Foz, Viveiro –xunto coa residencia- e Mondoñedo. Unha emenda por valor de medio millón de euros permitirá facer realidade a residencia de Ribadeo e de 250.000 euros máis un centro de emigrantes e persoas en exclusión social que sitúa na cidade do Landro. O PPdeG tamén promove unha emenda similar para a creación dun centro especialista para o tratamento de persoas con Alzheimer en Burela. Finalmente tamén propón investimentos específicos para os centros sociais de Cervo e para adquirir equipamento no centro cívico de Barreiros ou para a Casa da Xuventude de Trabada. Balseiro Orol tamén reclama 200.000 euros para unha casa de acollida de mulleres maltratadas, equipación que non existe a día de hoxe na nosa comarca.

O PPdeG RECLAMA PRETO DO 20 MILLÓNS DE EUROS Á CPTOT

As emendas millonarias complétanse cunha importante achega de investimentos en materia de obras públicas e infraestruturas. Así o PPdeG propón investir preto de 19.950.000 euros en actuacións competencia da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Transportes (CPTOT). En opinión dos populares a actual lexislatura foi nula nesta área o que non só está a prexudicar a vertebración e comunicación da Mariña lucense co resto de Galicia e co resto de España senón que tamén implica unha perda de oportunidades con respecto a outras bisbarras moito menos dinámicas ca nosa cuxos veciños si están a beneficiarse dunha infraestruturas axeitadas aos retos do século XXI.

MELLORA NAS ESTRADAS

Nesta liña, as partidas máis importantes son os 300.000 euros que o PPdeG destinaría á construción dun aparcamento para vehículos pesados e outros vehículos en Ribadeo, os 200.000 para mellorar o acceso ao Porto de Celeiro, unha cantidade similar para mellorar o acceso a Mondoñedo desde a Cruz da Cancela. Con partidas de 150.000 euros os populares procederían á rexeneración do firme da estrada  Vilamea-Riotorto e LU-160 Tramo Mondoñedo-Valadouro, á urbanización do contorno da Iglesia de San Adrián en Lourenzá, e acometería melloras varias na estrada Ferreira-Foz (dotación de tramo para vehículos lentos, acondicionamento urbano nas parroquias) ademais dunha serie de achegas para colaborar na conservación da rede viaria municipal ou para a dotación de beiraruas e alumeado público en Ouro, entre Alfoz e O Valadouro e no núcleo urbano de Cangas.

MÁIS PORTOS DEPORTIVOS

En materia de portos, destacan as actuacións no contorno do peirado de Nois (Foz) e das edificacións existentes, e as actuacións para a prolongación do dique de abrigo do importante porto de Burela así como para sufragar os estudos e o proxecto da zona de ampliación de ABSA. Tamén resulta salientable as achegas para dotar ou mellorar os portos para embarcacións deportivas e de recreo en Cervo, Burela e Viveiro.

NOVO CONSERVATORIO EN RIBADEO

En materia educativa o PPdeG demanda que os orzamentos para 2009 incorporen 250.000 euros para o remate do pavillón polideportivo do colexio público Galdín en San Ciprián (Cervo), inexplicablemente recortado pola intolerancia da actual Xunta e, xunto a iso achegas específicas para o novo pavillón polideportivo de San Cosme de Barreiros (200.000 euros) e para a reforma e ampliación do IES Gallamo Fierros (Ribadeo) ou a mellora no instituto de San Miguel de Reinante. De prosperar as emendas do PPdeG os orzamentos do ano próximo fará realidade tamén a creación dun conservatorio de grado medio en Ribadeo.

BANDA ANCHA, ELECTRICIDADE E FOMENTO DO COMERCIO

Os populares tamén reclaman, a través das súas emendas, achegas específicas para un programa de extensión da banda ancha (línea ADSL), a reelectrificación de varios núcleos rurais e a construción de subestacións eléctricas que garantan a demanda de enerxía nos próximos anos e finalmente, reclaman medio millón de euros para a posta en marcha, fomento e colaboración de centros comerciais abertos nas áreas comerciais da nosa comarca.

XUSTIZA E SERVIZOS PÚBLICOS

Tamén no apartado de dotacións encamiñadas a mellorar os servizos públicos, Balseiro Orol formulou unha emenda para achegar investimentos específicos que permitan realizar reformas nas casas dos distintos concellos da Mariña –construíndo unha nova casa consistorial en Foz-, así como para multiplicar as dotacións dos distintos xulgados e recuperar os servizos que o bipartito fixo desaparecer: vistas da xurisdición penal e laboral. Por outra banda achegan 200.000 euros para mellorar a cobertura da televisión dixital terrestre (TDT).

CATRO MILLÓNS DE EUROS PARA CULTURA E DEPORTE

As emendas presentadas por Balseiro Orol, e que serán debatidas no trámite parlamentario dos Orzamentos da Xunta de 2009 que previsiblemente finalizará a semana que vén inclúe tamén partidas específicas por importe de 4,2 millóns de euros para financiar actuacións no ámbito da cultura e do deporte. O PPdeG insiste na necesidade de incorporar partidas específicas por valor de  200.000 euros para a rehabilitación da Torre dos Morenos, 120.000 para a adquisición e apertura da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro –outro dos proxectos esquecidos pola Xunta- e 300.000 máis para a posta en valor do castro  Punta Atalaia (Cervo), a mellora da Catedral de San Martiño en Foz e para o complexo histórico artístico de Sargadelos.

Nesta mesma área destacan as achegas para a construción, mellora ou climatización –segundo o caso- das piscinas municipais de Lourenzá, Mondoñedo ou Burela e xunto ou a emenda de 300 mil euros para asumir o custe do estudo e proxecto do novo pavillón polideportivo de Burela, localidade que tamén será a sede da nova escola de formación profesional náutico-pesqueira.  Finalmente, máis de medio millón de euros os populares destinarían para a construción dun novo auditorio na localidade de Foz.

NOVE MILLÓNS PARA MEDIO AMBIENTE: SANEAMENTO E ABASTECEMENTO

Simultaneamente, e fronte á xestión paupérrima do actual conselleiro de Medio Ambiente, o Grupo Popular insiste na necesidade de acometer actuacións para o saneamento e o abastecemento de auga en múltiples concellos da Mariña e na maior parte das áreas de rural onde aínda non se teñen desenvolvido estas obras. Destaca o medio millón de euros que o PPdeG reclama para a ampliación da rede de saneamento e establecemento dunha ETAP no concello de Trabada, e os investimentos para as estación potabilizadoras en Burela e Viveiro.

SETE MILLÓNS DE EUROS PARA O MEDIO RURAL

De prosperar as emendas promovidas polo PPdeG, as concentracións parcelarias de Val de Alfoz, Vilamor de Mondoñedo e Monte Vilapena de Trabada recibirán 3.612.000 euros o que suporá un impulso definitivo a estes proxectos gravemente esquecidos pola Consellería de Medio Rural. As propostas dos populares tamén achegan investimentos específicos para a segunda fase da rede da camiños principais de Alfoz e para as pistas forestais e camiños rurais de Cervo. Para completar o total de 7 millóns de euros que recibe o rural galego, os populares incorporan dous proxectos máis: o plan de potenciación industrial das industrias alimentarias mariñás da faba e da mazá e a conversión de Viveiro nun concello piloto para o estudo da produción forestal. A esta actuación destinan unha emenda por valor de 200.000 euros.

CHAMAMENTO PARA MELLORAR OS ORZAMENTOS

Na súa intervención, Balseiro Orol efectuou un chamamento á responsabilidade de PSOE e BNG, aos que convidou a apoiar as emendas relacionadas coa nosa bisbarra. Todo iso co obxecto de superar a débeda adquirida polo bipartito cos habitantes dos concellos mariñáns ao longo da actual lexislatura. De xeito especial, pola falta de execución de moitas das partidas comprometidas nos orzamentos dos catro últimos anos -2008 inclusive-, anualidade na que segundo os cálculos do PPdeG as consellerías que conforman a Xunta de Galicia deixaron de investir preto de 14 millóns de euros.

Balseiro Orol lembra que o proxecto de orzamentos da Xunta de 2009 carece de sentido, na medida en que reduce nun 21% as achegas do Goberno galego ata unha das comarcas máis puxantes de Galicia, en vez de achegar investimento público que permitira potenciar o seu desenvolvemento. As achegas do Executivo bipartito contrastan cos 30M€ consignados no 2005, último ano de Goberno do PPdeG. Isto nunha lexislatura reducíronse os orzamentos á metade.

Exit mobile version