Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela pide un pleno para paralizar o Plano Sectorial de Solo Residencial

NOTA DE PRENSA:

O GMPP solicita un pleno extraordinario para que se paralice o Plano Sectorial do Solo Residencial en Burela.
Os populares afirman que a reunión do martes foi de desprecio ós veciños e evidenciou a intolerancia e o despotismo do alcalde.
Consideran que a Xunta de Touriño e Quintana non fixo nada en materia de vivenda en Burela.

O GMPP de Burela afirmou hoxe nunha rolda de prensa que vén de presentar no rexistro do concello unha petición de pleno extraordinario para que se paralice o Plano Sectorial do Solo Residencial no termo municipal burelés, porque non houbo un proceso claro de información, esta chegou mui tarde, e ademais non está claro o xeito de obtención do solo por parte da Xunta, que fixa un prezo sen contar cos veciños, levanta a afectación dos cincocentos metros únicamente para esa superficie, deixando afectado todo o o resto do entorno”.
Para os populares, a Xunta faise así cunha bolsa de solo a baixo prezo; ademais, “o proceso de compra-venda non existirá, porque o prezo xa está fixado de antemán pola vía da expropiación, que é o que figura no documento e todo o demais é leria”.
Os populares afirman que a reunión do martes deixou de manifesto que a Xunta quere quedarse con solo a baixo prezo, e que ademais minte descaradamente, co asentimento do alcalde e de Nieves Cando, falando de permutas, porque non dixo con quen se permutaría e ademais sabe que é imposible facelo; teñen que decir a quen llo sacarían e a quen llo darían, porque eles, de momento, nada teñen. Tampouco dixeron cando pagarían.
E por riba, tratouse con desprecio ós veciños, e mesmo se lle cortou a palabra a quen, estando afectado, tentaba aclarar os pasos a dar pola Xunta e preguntaba polo seu, algo que o alcalde e Nieves Cando non entenden porque non son afectados. O alcalde e Nieves Cando xa saben agora que non é igual predicar que dar trigo, e eles non fan nin unha cousa nin a outra.
Segundo o GMPP, a maioría dos veciños e veciñas afectados que foron consultados están en contra deste proceso, e polo tanto consideramos que o Concello debe tomar parte na defensa dos intereses dos cidadáns.
Por eso, segundo os populares, a bolsa de solo que se destine a tal efecto debe contar cun consenso previo de propietarios afectados, concello e Xunta. Ademais, entendemos que o alcalde non pode quedar á marxe desta problemática, e hasta o momento só demostrou o seu carácter intolerante e soberbio, como fixo o pasado martes na reunión con propietarios, lonxe dese “buenismo” do que presume, o que deixa ben ás claras que este home non é o alcalde que se merece Burela e el non merece ser alcalde, porque sinxelamente é incapaz de adoptar calquera tipo de decisión ca non sexa a de cobrar caseque cincuenta mil euros anuais.
Igual de patético é o papelón de Nieves Cando, que asume como bon todo o que lle diga o seu partido. O martes non abreu a boca en toda a xuntanza cos veciños. Non sabemos que pensarían o alcalde e Nieves Cando se fosen propietarios afecados, pero claro, como non o son, é mui doado xogar coas propiedades dos demais.
Ademais, esta bolsa de solo non está incluida no planeamento urbanístico actual; de continuar a súa tramitación, o plan xeral de ordenación municipal quedará mui condicionado, e ademais desaparecerá totalmente a posibilidade de que os propietarios poidan acadar rendabilidade ás súas propiedades.
Para o PP, o BNG e Nieves Cando minten cando falan da promoción de vivenda pública. Esquecen que a Xunta foi incapaz de facer nin unha soa vivenda de promoción pública en Burela, que as trinta e dúas do Torno foron feitas co PP e ainda están sen entregar; ainda non foron capaces, un anos despois, de poñer a disposición da Xunta a finca de Torrentes destinada a vivenda de promoción pública, e non hai que esquecer que en Burela hai bastantes pisos de protección autonómica sen vender, a inmensa maioría iniciados cando o PP estaba na Xunta, o que demostra a inoperancia, incapacidade e irresponsabilidade da Xunta de Touriño e Quintana, que a tres meses das eleccións pretenden lavarse a cara nun asunto que sempre trataron con demagoxia e que queren teñir de populismo.
Os acordos que o PP entende que se deben adoptar na sesión extraordinaria do Pleno da Corporación son os seguintes:
1 .- Dirixirse á Xunta de Galicia para que as actuacións previstas no concello de Burela, tal e como aparecen no Plano Sectorial de Solo Residencial, sexan eliminadas como tales.
2 .- Dirixirse á Xunta de Galicia, e en concreto á Consellería de Vivenda e o Solo para que coordinadamente coa Corporación Municipal se proceda á busca de solo no noso concello, destinado á construcción de vivenda de promoción pública, previa información e aceptación dos veciños e veciñas afectados.
En Burela, a quince de Decembro de dous mil oito.
O Grupo Municipal Popular de Burela.

Exit mobile version