RIOTORTO .- O Mazo da Fraga de Riotorto non poderá funcionar durante o verán, xa que a Consellería de Medio Ambiente informa negativamente a autorización da concesión de caudal necesario para iso.
O alcalde, Federico Gutiérrez Estoa está preocupado “polo que está a ocorrer coa área recreativa Mazo da Fraga. Alí hai un mazo dos ferreiros que funciona movido por auga, que é un elemento etnográfico estratéxico para o desenvolvemento turístico de Riotorto. E nestes intres estamos a tramitar as autorizacións pertinentes para que poida funcionar sen problema. Agora atopámonos con que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico non nos concede os permisos que precisamos alegando que hai un informe desfavorable da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza que indica que ese mazo non pode funcionar nos meses de xullo, agosto e setembro porque non está garantido o caudal do noso río que alimenta o mazo”.
Gutiérrez Estoa sinala que non lle parece correcta esta decisión “porque neses meses é cando máis afluencia de visitantes recibimos en Riotorto e os que veñen ao noso concello gozan vendo funcionar ese mazo que estivo activo ata hai 40 anos sen ningún tipo de perigo para o ecosistema fluvial. Eu estou a facer as xestións oportunas diante da Xunta e da Confederación Hidrográfica para tentar solventar esta situación e que o Mazo da Fraga poida seguir a ser o elemento central como reclamo turístico de Riotorto no vindeiro verán”.
O rexedor está “seguro de que hai un xeito de compatibilizar o imprescindible respecto ao medio ambiente co tamén imprescindible desenvolvemento do turismo como elemento de dinamización económica do noso concello, todo isto dun xeito sostible”.