CERVO.- O equipo de goberno do concello de cervo considera falta de seriedade dos concelleiros do PSOE porque primeiro solicitan un pleno extraordinario para tratar obras a incluír no Fondo Estatal e despois non asisten á comisión informativa para preparar o Pleno.
NOTA DE PRENSA
O Equipo de Goberno salienta a falta de seriedade dos integrantes do Grupo Socialista e a pouca dedicación de cada un destes concelleiros aos asuntos de interese municipal: “Primeiro solicitan un pleno e despois esquecen presentarse á comisión informativa que ten por obxecto preparalo.”
NINGÚN EDIL DO PSOE ACUDE Á COMISIÓN INFORMATIVA QUE TIÑA POR OBXECTO PERFILAR OS ASUNTOS A TRATAR NA SESIÓN PLENARIA QUE O PROPIO GRUPO SOCIALISTA SOLICITOU
* A devandita xuntanza celebrouse ás 11 horas e rematou 20 minutos despois coa única presenza do Alcalde, en representación do equipo de Goberno, e do edil do BNG.
* A Comisión informativa de asuntos do pleno foi convocada formalmente o mércores 17 de decembro é á mesma podían acudir cada un dos catro edís do PSOE en Cervo.
* Non foi ata finalizada a comisión cando a voceira dos socialistas chamou para dar conta da máis que evidente ausencia do seu grupo. Co plantón os socialistas esquecen tamén presentar a súa proposta ao pleno por escrito, en tempo e en forma.
* A sesión plenaria na que está previsto perfilar as obras e actuacións que se desenvolverán con cargo ao fondo estatal de axuda extraordinaria ás entidades locais terá lugar o venres 26 de decembro.
Cervo, 22 de decembro de 2008.- Ningún dos catro edís do PSOE de Cervo se presentou no día de hoxe á comisión informativa de asuntos do pleno que deu inicio ás 11.00 horas desta mañá co obxecto de perfilar a orde do día da vindeira sesión plenaria da corporación municipal. A mesma rematou 20 minutos despois coa presenza do Alcalde de Cervo, en representación do Equipo de Goberno, e o único edil do grupo nacionalista, do BNG. A ausencia dos concelleiros socialistas é aínda máis sorprendente tendo en conta que foi o seu propio grupo municipal quen, en virtude da potestade que a lei lles outorga aos partidos da oposición, solicitou a convocatoria extraordinaria do pleno municipal.
En opinión do Grupo de Goberno municipal a ausencia dos representantes socialistas na comisión celebrada esta mañá ofrece unha imaxe moi explícita “da falta de seriedade destes señores e da pouca dedicación que cada un deles ten respecto dos asuntos relativos ao municipio. “Está claro que os intereses dos veciños de Cervo non son para eles prioritarios”
A DESPREOCUPACIÓN DO PSOE EN EVIDENCIA
No seu momento foi o propio PSOE o que solicitou un pleno extraordinario coa idea de tratar de consensuar as obras que se levarán a cabo con cargo ao fondo estatal. Con este obxecto celebrábase esta mañá a comisión informativa correspondente, convocada en tempo e forma -desde o mércores 17 de decembro-pero ningún dos catro edís socialistas se dignou en aparecer.
Segundo o Goberno municipal o hoxe acontecido deixa máis que claro que a solicitude dunha convocatoria extraordinaria do pleno municipal non foi máis que un intento de facer propaganda barata do PSOE pero que, na realidade, ningún dos edís socialistas tiñan a mínima preocupación por estes temas que si son de gran interese para o conxunto dos veciños, e para o propio Goberno cervense. Coa súa ausencia ademais, os integrantes do grupo municipal socialista esquecen presentar a súa proposta para o pleno, cousa que deberan ter feito por escrito, en tempo e forma.
NON COMUNICARON A SÚA AUSENCIA
A todo isto debemos engadir que, segundo fontes do Executivo municipal ningún dos edís socialistas xustificaron a súa ausencia, ou comunicaron o seu retraso como é habitual no caso de que se produzan este tipo de incidencias. Non foi ata concluída a comisión informativa cando chamou a portavoz dos socialistas para indicar que non poderían acudir a tempo, algo que xa quedou explícito despois da ausencia na comisión informativa.
SESIÓN PLENARIA O VENRES 26
Para o Goberno municipal resulta de gran importancia perfilar de xeito definitivo a relación de obras e outras actuacións que teñen previsto levarse a cabo con cargo ao fondo estatal de axudas extraordinarias para as entidades locais. Nesta liña o rexedor municipal, Alfonso Villares, vén mantendo contactos nas últimas semanas cos distintos alcaldes pedáneos e outros membros do Goberno municipal.
A comisión informativa de hoxe acordou que será o próximo venres 26 de decembro a data na que terá lugar a devandita sesión plenaria. Desde o Goberno municipal esperan que, esta vez si, os edís do PSOE sexan quen de estar á altura das súas responsabilidades para cos veciños de Cervo e cumpran coas súas obrigas, acudindo ás sesión plenarias e ás xuntanzas ás que son convocados.