CERVO .- O goberno municipal de Cervo califica de “inmenso absurdo” a proposta do PSOE de “interpoñer un recurso contencioso contra a última sesión plenaria da corporación” afirma que “os edís do PSOE non puideron defender a súa iniciativa -a proposta dun plan de obras con cargo ao fondo extraordinario de axudas aos concellos- polos múltiples defectos de forma e de procedemento nos que incorreron”.
NOTA DE PRENSA
O Goberno municipal subliña o inmenso absurdo que supón interpoñer un recurso contencioso contra a última sesión plenaria da corporación despois de que os socialistas non puideran defender a súa iniciativa polos múltiples defectos de forma e de procedemento nos que incorreron. A pesar disto desde o PSOE empregan esta estratexia para confundir aos veciños e evitar o reproche dos seus votantes despois de que quedara en evidencia a pouca seriedade e a nula dedicación dos catro edís socialistas aos asuntos municipais.
A INTENCIÓN DO PSOE DE IMPUGNAR O ÚLTIMO PLENO AGOCHA A SÚA PROPIA INCOMPETENCIA NO EXERCICIO DAS LABORES DE OPOSICIÓN
* Nun primeiro momento os socialistas solicitaron unha convocatoria extraordinaria do pleno municipal sen incluír unha proposta de acordo concreta, limitábanse a demandar un plan de obras para o Concello de Cervo sen determinar as actuacións a executar.
* En segundo lugar, ningún dos catro edís socialistas acudiu á comisión preparatoria dos asuntos do pleno. Só despois de finalizada a mesma a voceira do PSOE chamou para dar conta da súa máis que evidente ausencia. “O lóxico é que aquel que se vai a retrasar avise. Nós esperamos un cuarto de hora, tempo de cortesía máis que prudencial para dar inicio a unha comisión na que eles estiveron ausentes”
* Os socialistas pretenden facer cómplice ao Goberno municipal dos seus erros cando deberan pedir perdón ao conxunto dos veciños do concello pola súa falta de responsabilidade no exercicio das funcións que teñen encomendadas
Cervo, 29 de decembro de 2008.- A intención do PSOE de impugnar o último pleno da Corporación agocha a súa propia incompetencia no exercicio das labores de oposición, así o interpreta o Goberno municipal, quen entende que os socialistas son moi conscientes de que o recurso contencioso administrativo que teñen previsto interpoñer como consecuencia do acontecido no último pleno, non ten ningún fundamento xurídico e resulta absolutamente absurdo. Neste senso lembra que os edís do PSOE non puideron defender a súa iniciativa -a proposta dun plan de obras con cargo ao fondo extraordinario de axudas aos concellos- polos múltiples defectos de forma e de procedemento nos que incorreron.
SOLICITUDE DE PLENO BALEIRA DE CONTIDO
Desde o Goberno municipal subliñan que o PSOE cometeu o seu primeiro erro no momento de solicitar a convocatoria do pleno extraordinario. Nela limitáronse a demandar a toma en consideración se procede “dun plan de obras para o Concello de Cervo. Curiosamente a súa solicitude non estaba acompañada da relación de obras propostas e polo tanto solicitaban o debate dun punto da orde do día baleiro de contido, sen propoñer ningún tipo de acordo ao respecto.
NINGÚN DOS CATRO EDIS SOCIALISTAS COMUNICOU A SÚA AUSENCIA NA COMISIÓN
En segundo lugar, ningún dos catro edís socialistas acudiron á comisión informativa de asuntos do pleno, pese a ter sido convocada con máis antelación do legalmente previsto. A ausencia dalgún dos catros edís do PSOE nesta xuntanza preparatoria dos asuntos do pleno fixo perder unha nova oportunidade deste grupo político para dar contido ao punto da orde do día da sesión plenaria que eles mesmos solicitaron. Lonxe do que vén sendo habitual a voceira socialista non deu conta, ata unha vez finalizada a devandita comisión, dos motivos polos que nin ela nin ningún dos seus compañeiros acudiron á mesma, nin tampouco comunicou percance algún que xustificara o seu retraso.
Neste senso os edís de Goberno insistiron no absurdo dos argumentos empregados polo PSOE para xustificar a súa ausencia nesta comisión: “O lóxico é que aquel que se retrasa chame para avisar. ¿En qué cabeza cabe o contrario?. Desde o PSOE chegan ao absurdo de reprochar ao Goberno por non avisalos da súa propia ausencia. Un argumento ridículo máxime cando a comisión comezou 15 minutos máis tarde da hora prevista tras constatar que ningún dos catro edís socialistas presentouse á mesma. Salvo que a voceira socialista ou os seus compañeiros se crean uns dioses ou da realeza, non ten sentido esperar por eles máis dun tempo prudencial de cortesía, que neste caso foi amplamente superado”
ERROS NA FORMA E NO PROCEDEMENTO
En definitiva, os graves defectos tanto no procedemento como na forma empregada polos edís do PSOE no exercicio das funcións como partido da oposición evidencian o descoñecemento da lexislación vixente. Xa non é só que non saiban facer unha convocatoria como legalmente procede, é que ademais tampouco asisten ás comisións ás que son convocados para agora nun xesto grave sen precedentes, pretenden facer ao Goberno municipal cómplice dos seus erros.
XUDICIALIZAR A VIDA MUNICIPAL PARA OCULTAR A SÚA INCOMPETENCIA
En opinión do Executivo municipal o que deberan facer os socialistas é recoñecer que obraron mal e rectificar na súa intención de xudicializar a vida municipal. Están a pedir que gastemos cartos e tempo en cuestións que non son máis ca unha simple cortina de fume coa que agochar a súa incompetencia cando o comportamento lóxico debera ser pedir perdón ao conxunto dos veciños de Cervo pola súa falta de dilixencia e despreocupación polos asuntos municipais.
Os edís de Goberno coinciden en que a voceira socialista está máis preocupada na súa promoción persoal que en desenvolver as labores propias do principal partido da oposición e que tanto ela, como o resto dos tres edís socialistas con representación na Corporación, incorren en certa deixadez das súas funcións, esquecendo que a súa prioridade debera ser a defensa dos intereses dos veciños de Cervo.
IMPUGNACIÓN ABSURDA PARA EVITAR OS REPROCHES DOS SEUS VOTANTES
Finalmente o Goberno municipal entende que a decisión do PSOE de impugnar o último pleno é totalmente absurda e non terá ningún tipo de transcendencia xudicial. Os edís do Executivo cervense insisten na mesma idea: O PSOE pretende cuestionar un pleno no que non se tomou ningún tipo de acordo, e actúan dun xeito absurdo porque é isto o único que se lles ocorre dicir, despois de que fora evidente a súa incompetencia. O Goberno municipal entende que os socialistas pretenden poñer en marcha unha estratexia de confusión que evite o reproche dos seus propios votantes, ante un claro exemplo de falta de seriedade e incompetencia. Botan ás culpas aos demais dos seus propios erros porque temen o tirón de orellas dos seus correlixionarios ao non estar á altura das responsabilidades que asumiron, ao facer deixadez das súas funcións como edís da oposición. E, con total sinceridade, temos moitas dúbidas de que a Xustiza, os tribunais, entren ao xogo e toleren este tipo de plantexamentos tan absurdos.