BURELA .- A Delegación de Cultura de Burela que dirixe a nacionalista, Neves Cando preparou unha programación de Nadal “para facer que estas datas festivas sexan días de lecer para toda a familia”. O seu departamento organizou dous obradoiros para os máis pequenos. Un denominado Nadal decorado que se desenvolverá na Biblioteca Municipal en horario de mañá e destinado a rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos “onde aprenderán a decorar unha árbore navideña, a facer un karaoke, un nadal de contos e unha película”. Este obradoiro está previsto para os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e 2 e 5 de xaneiro. E Invernarte é o nome do segundo obradoiro do que poderán disfrutar os nenos burelesas, tamén na Biblioteca Municipal polas tardes os días 22, 23, 26, 27, 29 e 30 de decembro. Segundo explica Neves Cando “neste caso dividimos aos nenos en dous grupos de idade, un que vai dos 3 aos 8 anos e outro dos 9 aos 12. Os rapaces van disfrutar de tres actividades: plástica, música e danza arredor do Nadal”. Os interesados en participar nestes obradoiros deben anotarse na propia Biblioteca Municipal.
A maxia chegará a Burela o 27 de decembro ás 20:30 horas na Casa da Cultura co espectáculo Armas baixo control do Mago Antón. A edil nacionalista asegura que “se trata dun espectáculo para toda a familia”.
Haberá baile de fin de ano na Praza da Mariña a partires da unha e media da madrugada amenizado pola orquestra Milenium. E no aninovo “chegará un clásico destas datas que é o concerto que ofrecerá a Banda de Música de Burela, o día 3 de xaneiro ás 20:00 horas na Casa da Cultura”, engade Neves Cando.
A programación de Nadal do Concello de Burela rematará o 5 de xaneiro coa tradicional cabalgata de Reis. As súas maxestades recibirán aos nenos na carpa que estará instalada na Praza da Mariña “despois de percorrer as principais rúas da vila”.