Site icon Crónica3.com A Mariña

O CCA de Ribadeo sortea en Nadal 12 mil euros en vales de compra

RIBADEO .- O Centro Comercial Aberto de Ribadeo sorteará este Nadal 12.000 euros en vales de compra para gastar nos establecimentos da vila. A campaña destas festas foi presentada este mediodía polo presidente de ACISA e do CCA, Gervasio Cao e polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.
O responsable do Centro Comercial Aberto asegurou que “este ano recuperamos o sorteo de Reis que adxudica os premios aos boletos cuios números coincidan cos premiados do Sorteo del Niño que se celebra en xaneiro. Coma outros anos imos distribuir rifas entre os establecimentos asociados que se farán cargo de repartilas entre os seus clientes. Imos sortear un primeiro premio de 6.000 euros, consistente nunha paga mensual de 500 euros durante un ano; un 2º premio de 3.600 euros, consistente tamén nunha paga mensual de 300 euros durante un ano e despois haberá 12 premios de 200 euros cada un que se entregarán directamente”.
Gervasio Cao tamén contou que “os asociados terán tickets para regalar aos seus clientes para o acceso dos máis pequenos a unha hora gratuita en calquera no parque infantil Chiquiland e no Centro de Ocio Infantil Dubidú para facilitar as compras a seus pais”.
Apertura os luns
O CCA repartirá durante toda a campaña de Nadal: bolsas de rafia ecolóxicas, caramelos e piruletas aptos para celíacos, tarxetas de felicitación… Dita campaña empeza o vindeiro 6 de decembro e rematará o 5 de xaneiro de 2009. O presidente do Centro Comercial Aberto avanzou que os comercios estarán abertos en Ribadeo os luns 22 e 29 de decembro e o 5 de xaneiro “para facilitar as compras durante eses días, ainda que aquí abrimos os domingos e pechamos os luns, pero eses tres días as tendas estarán abertas no seu horario habitual”.
A campaña de Nadal do CCA comprende tamén animación polas rúas e tres obradoiros infantís os días 20 e 30 de decembro e o 4 de xaneiro: maquillaxes, creación de instrumentos musicais e cabezudos e contacontos. Gervasio Cao sinalou que “nós tamén repartiremos as entradas para asistir ás 3 obras de teatro que o Concello programou para eses días”.
Pola súa banda, o rexidor de Ribadeo, dixo que o Concello “colabora nesta campaña con 12.000 euros  que irán destiñados a financiar os gastos das ludotecas, as campañas de publicidade do CCA, as actividades de lecer e o alumeado navideño”. Fernando Suárez engadiu que “se trata de dinamizar o comercio local nestas datas nas que nos aliamos para facer máis atractivo Ribadeo en Nadal. Queremos contribuir así a traer moita xente á nosa vila tanto desde outros puntos da Mariña, coma desde o Occidente Asturiano”.

Exit mobile version