Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón uns orzamentos máis sociais e inversores para Foz

NOTA DE PRENSA:

O BNG PROPÓN UNS ORZAMENTOS MÁIS SOCIAIS, MÁIS INVERSORES E MÁIS TRANSPARENTES

PP e PSOE votan en contra de retirar o ámbito de actuación “Conde de Fontao” do Plan Sectorial de Vivenda

1.- O BNG defende para o ano 2009 uns orzamentos que sexan inversionistas sobre todo naquelas obras que sirvan para promover actividade económica e que cren emprego. Estando inmersos nunha época de crise económica e o concello debe prever para o ano que ven inversións importantes en obras de infraestructuras de servizos públicos como obras de saneamento, recuperación de pistas e de patrimonio municipal, acondicionamento de centros sociais, mellora nas telecomunicacións, etc. Para a realización destas obras o BNG propón que o anexo de inversións reais alcance o 10% do presupostado, é dicir, uns 600.000 €. Tamén debe facer un esforzo en canto a gasto social destinando fondos ás familias máis necesitadas a través de axudas, becas, etc. e con programas de inserción laboral. Ao mesmo tempo, débese controlar e reducir o gasto naquelas partidas que non son tan necesarias e das que se pode prescindir. Estamos a referirnos a partidas como gastos protocolarios, gastos diversos, productividade, telefonía ou gasto eléctrico (con medidas que non se están aplicando como facer un plan de aforro enerxético, a pesar de estar aprobado en pleno). Por outro lado, pódese recadar máis mediante novas taxas ou políticas impositivas que graven sobre as rendas do capital.

Para o BNG é imprescindible cambiar o rumbo nos principios básicos dos orzamentos. Así, o BNG defende unha filosofía orzamentaria máis democrática, máis transparente e máis igualitaria. Neste sentido, nas bases de execución débense tomar medidas como que os contratos se axusten aos principios de publicidade e concorrencia, que existan mesas de contratación onde participen todos os grupos, aplicar o acordo plenario de facer un Avance da Conta de forma trimestral, aprobar un Regulamento de selección de persoal e unhas Bases reguladoras de concesión de subvencións a asociacións ou fixar os criterios de asignación de productividade polo pleno.

Neste mesmo apartado o BNG ve necesario modificar o nivel de vinculación xurídica dalgúns gastos posto que a vinculación xurídica de grupo de función e capítulo é insuficiente. Así temos que habería que restrinxilo no caso de proxectos e gastos de inversión para evitar que se gasten en outras cousas que non teñen ningunha relación para o que estaba destinado. Tamén habería que restrinxir os gastos de protocolos, dietas, etc. para rematar co hábito de destinar a esas partidas gastos correntes de funcionamento de servizos.

– Para o BNG os orzamentos presentados polo grupo de goberno son uns orzamentos que seguen a liña de anos precedentes e que polo tanto non se corresponden coa realidade e nos que as cifras se maquillan e distorsionan para poder seguir facendo a mesma política que se fixo: unha política onde os cartos de todos os veciños se utilizan de forma caprichosa e sen ningún tipo de previsión nin planificación. Tampouco estes orzamentos presentados cumpren cun requisito democrático que o grupo de goberno hai tempo que non respecta: o necesario consenso cos grupos da corporación. A oposición puido dispoñer desta proposta dous días antes da comisión informativa polo que está clara a vontade do grupo de goberno de presentar uns orzamentos de cara á galería pero sen posibilidade de levalos adiante por falta de negociación. Isto significa que os orzamentos foron presentados “tarde, mal e arrastro”.

No capitulo de ingresos aparecen as cifras inchadas no que respecta á recadación nos impostos de IBI urbana (imposto de bens inmobles) e de IVTM (imposto de vehículos). Nestes conceptos aparecen como ingresos 1.170.000 euros e 470.000 euros respectivamente. Esta previsión inicial non se corresponde coa recadación realizada nos anos 2007 e 2008 e non existe xustificación documental que apoie estas cifras recadatorias.

O mesmo ocorre co Imposto de construccións, instalacións e obras que pasa de 100.000 a 200.000 € e coa taxa de licenzas urbanísticas que pasa de 47.000 a 175.000 € sen que exista ningún tipo de informe ou estudio que xustifique tal suba.

Tampouco os orzamentos son realistas á vista do que sucedeu en anos anteriores nalgunhas partidas nas que o grupo de goberno gasta máis do que presuposta. Estamos a falar das partidas de “gastos protocolarios, dietas ou locomoción” onde a pesar de consignar unhas determinadas cantidades o grupo de goberno acaba facendo expedientes de recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar o que gastan de máis. O mesmo ocorre coas partidas de “Urbanismo e arquitectura” ou de “vías públicas. Infraestructuras e ben naturais”

Por outro lado estes orzamentos seguen a ter deficiencias que raian a ilegalidade. Así, no capítulo de gastos de persoal como ocorre coa inclusión dun complemento de productividade para persoal que non se axusta ao previsto no artigo 5 do RD 861/1986 no sentido de que non segue os criterios obxectivos recollidos no RD e que deben ser aprobado polo pleno. Dito doutro xeito, o complemento de productividade outorgao exclusivamente o Sr. Alcalde sen ningún tipo de criterio máis que o que a el lle convén en cada momento.

Seguindo no apartado de gastos, no capítulo de gastos correntes fixa como diñeiro a pagar a empresa Gestagua en concepto de custos de mantemento das depuradoras a cantidade de 405.000 Euros, cando a día de hoxe non existe por parte do Concello ningún estudio propio que fixe cal é o custo real do servicio, a pesar de que había un compromiso do goberno para presentalo. Cómpre reparar que o Goberno fixa ingresos por este concepto na mesma cantidade cando a día de hoxe non está aprobado ningunha taxa que de soporte a este ingreso. Nese sentido queremos facer referencia a advertencia que plantexa o Interventor no seu informe ao presuposto cando afirma:”na medida en que non hai aprobada ningunha taxa por depuración de augas para financialo, isto pode levar ao Concello a unha situación de desequilibrio no momento de liquidar os orzamentos a menos que esta insuficiencia se compense coa maior recadación en outros non afectados”.

No mesmo informe de Intervención hai unha advertencia clara que di moito sobre os incumprimentos do grupo de goberno na aplicación dos orzamentos no sentido de que por sistema as obras de investimentos do capítulo 6 non se realizan no ano para as que foron aprobadas, é dicir, que obras quedan sen facer ao remate do exercicio.

* O grupo municipal do BNG defende, pois, uns orzamentos que dean resposta aos problemas reais dos veciños de Foz e non uns orzamentos feitos á medida dos caprichos dun grupo de goberno desorientado, sen proxectos e mal xestionados. Uns orzamentos inversionistas e sociais que permitan executar os acordos plenarios e as peticións dos colectivos veciñais e que aumenten a calidade de vida dos focegos.

2. Na moción presentada polo BNG para retirar do Plan Sectorial de Vivenda o ámbito de actuación “Conde de Fontao”, o PP abstívose e o PSOE votou en contra. Con esa posición demostrase unha vez máis quen defende os intereses dos veciños e resulta preocupante que os dous partidos non apoien unha iniciativa na que todo o mundo está de acordo e na que todos os partidos expresamos publicamente que esta bolsa de solo non era a máis axeitada.

Exit mobile version