NOTA DE PRENSA:
O BNG E O PSOE DE ALFOZ VEÑEN DE SOLICITAR UN PLENO EXTRAORDINARIO SOBRE OS FONDOS DE INVESTIMENTO MUNICIPAIS QUE RECIBIRÁ O CONCELLO E QUE SE SITÚAN NOS 382.000 EUROS.
Alfoz, 8 de decembro de 2008. O BNG e o PSOE de Alfoz solicitan a celebración dun pleno extraordinario sobre os Fondos de Investimento Municipais que recibirá o Concello e que ascenden a 382.000 euros. Segundo Iván Marrube, voceiro nacionalista, “os dous grupos tentamos buscar un total consenso co PP no referente a este fondos xa que, sin entrar no axeitado ou non do reparto aos concellos por parte do estado, é unha oportunidade única para Alfoz”.
BNG e PSOE cren que “estes fondos permitirán dotar ao Concello dos servizos básicos xa que un número considerable de veciños de Alfoz ainda e tristemente non teñen cubertos servizos básicos coma o do saneamento. Solicitamos ese pleno extraordinario para propor que os 382.000 euros que vai recibir o Concello se empreguen en rematar a rede de saneamento, xa que existen moitos núcleos de poboación que ainda non o teñen cos correspondentes perxuizos para os veciños”.
Iván Marrube agarda que “desde a alcaldía se actúe con responsabilidade e se aproveite a oportunidade que se nos presenta para dotar a todos os veciños dos servizos básicos. BNG e PSOE estamos actuando con responsabilidade e coherencia e antepoñendo os intereses dos veciños diante dos partidarios e agardamos a mesma responsabilidade por parte do PP. Queremos chegar a un acordo nese pleno que sexa beneficioso para os veciños”.
Nacionalistas e socialistas insisten en que “estas inversións deben ser usadas con sentido común e atendendo ás necesidades reais dos veciños e actuando con prioridade sobre os servizos básicos. Esperamos que o actual equipo de goberno non volte a reincidir en erros pasados e adique este diñeiro a asfaltar airas, poñer farolas e vender favores como ainda facían hai pouco tempo e desaproveiten a oportunidade única que se presenta para beneficio dos veciños”.
As dúas formacións propoñen tamén a creación dunha comisión de valoración dos proxectos formada por representantes de cada partido máis o do goberno municipal.