Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros plantexa propostas para o fondo de inversión estatal

Nota de Prensa

O BNG PLANTEXA VARIAS PROPOSTAS PARA O FONDO ESTATAL DE INVERSIÓN MUNICIPAL.

Barreiros, 13 de decembro de 2008. O BNG plantexa varias propostas para o fondo estatal de inversión municipal no Concello de Barreiros ao que lle corresponden 574.504 euros. Son as seguintes:

EQUIPAMENTOS SOCIAIS E CULTURAIS:  Dotación de mobiliario para a Casa da Cultura (leva 3 anos construida e sen abrir porque falta o mobiliario) e recuperación e dotación de locais sociais nas diferentes parroquias.

PROTECCIÓN DO MEDIO AMBIENTE: Limpeza das marxes e cauce do río Masma para a recuperación da fauna piscícola e posta en valor deste importante recurso natural e turístico que é unha antiga e constante reivindicación dos veciños e das asociacións de pescadores. Segundo os nacionalistas, é de urxente necesidade a limpeza das marxes, do cauce e do leito do río  entre a zona comprendida e acotada (Celeiro de Mariñaos) e a desembocadura (Espiñeira) e tamén a chamada zona libre.

CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO MUNICIPAL E PATRIMONIO HISTÓRICO: Recuperación dos elementos etnográficos, arquitectónicos e de interés social e histórico de uso público nas diferentes parroquias. Posta en valor da antiga Ponte do Barral, no río Masma, (ponte do século XVIII, de interés arquitectónico que foi destrozada nun arranxo feito no ano 1984).

INFRAESTRUCTURAS: Redes de saneamento. Completar a rede de saneamento da costa e posibilidade de elaborar un proxecto de saneamento para a zona interior do concello.

NOVAS TECNOLOXÍAS: Achegar a todas as parroquias do concello os novos sistemas de telecomunicacións: internet, telefonía, televisión dixital terrestre…

O BNG de Barreiros intentará contrastar estas e outras propostas co movimento asociativo do concello e as diferentes parroquias a través dos seus representantes.

O prazo de presentación de solicitudes diante do goberno estatal comenzou o pasado 10 de decembro e rematará o 20 de xaneiro. O BNG solicitou no Congreso a través da súa deputada Olaia Fernández Davila unha ampliación de dito prazo.
As propostas do BNG de Barreiros analizaránse no pleno extraordinario convocado polo alcalde para o vindeiro 24 de decembro a iniciativa dos grupos da oposición.

Exit mobile version