Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo ve positivo que se celebre o mercado e lamenta a actitude de grupos da oposición

RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, valora de xeito positivo que o mercado semanal dos mércores volva celebrarse mañá, pero lamenta a actitude que están a adoptar algúns grupos políticos da oposición con este asunto. O rexedor asegura que “é un pouco surrealista o que está acontecendo co mercado semanal de Ribadeo, sobre todo pola actitude que están tendo algúns dos portavoces da oposición”.

Suárez Barcia valora “positivamente que os ambulantes se monten mañá, mércores, pero creo que é porque lles interesa, porque non poden perder este mercado de noiteboa. Respecto que queiran ir á folga, aínda que deben saber que terán que pagar o mes enteiro, porque si non montaron os postos algúns días é cousa deles”. O alcalde de Ribadeo lamenta “esta actitude que teñen algúns grupos da Corporación, uns máis que outros, alentando aos que non queren cumprir a lei, porque recordo que as ordenanzas municipais son leis e ademais foron aprobadas por todos os grupos no seu momento. Incluso persoas que agora forman parte da Corporación Municipal naquel momento eran os redactores e os que tiñan o goberno para aprobar a ordenanza que agora nós, como goberno municipal, temos a obriga de defender a súa aplicación en tanto a lei non se derroge ou non se cambie. Esta actitude, alentando este tipo de actuacións, está desconcertando á sociedade ribadense, que si que ten pagar as ordenanzas do Concello e doutras administracións. A xente laiarase de que ten que pagar o imposto de vehículos de tracción mecánica, pero non protesta, igual que o IBI e a auga, igual que os establecementos comerciais cando poñen mesas nas terrazas, teñen que pagar o servizo si o queren”.

Aplicación da ordenanza

Fernando Suárez engade que “xa que se deu esta situación, que eu lamento, agora o mercado vai volver a ser o que foi. Non se vai permitir que os ambulantes deixen lixo tirado cando se acaba o mercado, non se vai permitir que as furgonetas se queden no mercado sen pagar ocupación e obstaculizando o paso dos viandantes, vaise controlar o intrusismo e vaise, en definitiva, aplicar a ordenanza. E si o resto da corporación quere cambiar a ordenanza, adiante; estamos en democracia e o que diga a corporación vai á misa. Pero que miren ben o que fan, porque os ollos da opinión pública están moi enriba de todo isto, e a ver si para gañar unha pequena batalla van acabar perdendo a guerra”.

Exit mobile version