RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, considera “unha tremenda irresponsabilidade as declaracións que están a realizar sobre o mercado semanal desde a UPRI e desde o PSOE, sobre todo as do voceiro da UPRI que foi concelleiro no momento no que se aprobou esta ordenanza que agora temos que defender por responsabilidade lóxicamente, e tamén estou absolutamente sorprendido polas palabras do ex alcalde, Balbino Pérez Vacas xa que tivo a súa responsabilidade en canto á orde na praza de abastos porque él era o que tiña esas funcións que non estaban delegadas”.
O rexedor cre que estas formacións políticas “están recorrendo ás mentiras e por puro oportunismo político pretenden modificar a norma para contentar a esa parte descontenta dos ambulantes. Hai que lembrar que a metade dos vendedores están a cumprir desde sempre e están ocupando os metros que están pagando e hai outros que non e o Sr. Rivas e Balbino pretenden que se modifique a ordenanza para contentar aos que se comportan de xeito insolidario, queren beneficiar aos infractores… é sorprendente a súa defensa do interés público”.
Sementando debilidade
Suárez Barcia insiste en que “con estas declaracións o que están facendo é sementar a debilidade na Corporación Municipal porque o goberno, sexa moi numeroso ou non, é moi forte na súa determinación de que se cumpra esta legalidade. Están sementando a debilidade na Corporación e fan que esto se poida alongar porque os infractores que non pagan con estas declaracións síntense fortes e poden ameazar con proseguir coas movilizacións”. O alcalde de Ribadeo pregúntase “a ver cómo lle explican PSOE e UPRI aos que levan anos pagando correctamente que foron uns parvos por facelo así. A ver como lle explican ao resto dos hostaleiros que cando poñan terrazas pidan para colocar dúas e logo coloquen dez, a ver como lle explican aos albanéis que cando poñan andamios nas rúas soliciten por tres e ocupen 12 metros. Todas estas ordenanzas foron aprobadas por eles e están vixentes na actualidade”.
A norma está para cumprirse
Fernando Suárez di que “esto non é unha feira, é un mercado serio que debe rexirse por unhas normas que están aprobadas desde hai dez anos e que hai que cumprir e logo podemos falar ou deixar de falar máis ou menos, non haberá problema para o diálogo, pero sobre a norma non se dialoga hai que cumprila en tanto estea vixente”.