Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo propón solucións dentro da legalidade aos vendedores do mercado

RIBADEO .- Hoxe non houbo mercado semanal en Ribadeo, porque os vendedores decidiron non montar os seus postos coma medida de protesta contra a aplicación da ordenanza que está a realizar o Concello. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que “o equipo de goberno e este alcalde á cabeza mantén a ordenanza que foi creada no ano 1998, sendo rexedor o señor Rodríguez Andina e concelleiro do Mercado o señor Rivas que daquela militaba nas filas do PP. É unha ordenanza que non se tocou agás os cambios que se deron cos incrementos do IPC estes anos, ao igual que aconteceu coas demais ordenanzas municipais”.

O rexedor di que lle desgusta que “se estea a facer unha interpretación torticeira desta ordenanza no sentido de que me parece tremendamente inxusto que haxa unha serie de vendedores que paguen conforme esa ordenanza polos metros cadrados que ocupan e que outros ocupen por exemplo 30 metros cadrados e paguen por 13, outros que están ocupando 26 e pagan por 8 e outros que pagan por 12 e ocupan 48 metros cadrados. Isto non parece lóxico si todos somos iguais ¿non?”. Fernando Suárez engade que “debido a acontecementos varios nos últimos tempos esta situación foise viciando e foise aumentado esta ocupación ata o punto de que moitas veces os propios usuarios do mercado ven dificultado o seu tránsito porque non se pode andar e os vendedores foron ocupando máis do que teñen autorizado e desde hai 2 ou 3 meses eu coma alcalde ordenei que se revisara si a xente ocupaba o que pedía e comprobamos que a metade axústanse bastante ao que declaran, pero hai outros que exceden moito ou moitísimo o que declaran e pagan”.

Lista de espera para vender en Ribadeo

O alcalde de Ribadeo considera que “nesta situación quedan 3 opcións e todas pasan por cumprir a ordenanza: que os vendedores paguen o que realmente están ocupando; que ocupen polo que están pagando e que reduzan a súa ocupación ata o límite do que están declarando e senón están de acordo que renuncien aos postos porque hai unha lista de espera dunhas 40 persoas que queren vir vender ao mercado de Ribadeo e non teñen sitio”.

Fernando Suárez asegura que “o Concello recada polos postos dos mércores 3.500 euros ao mes cando debería chegar aos 5.900 aplicando o que di a ordenanza, sen modificala para nada. Quero deixar claro que esa serie de informacións tendenciosas que se estiveron a dar por parte dalgunha persoa non son certas. Lembro que a ordenanza non foi creada por nós, pero nós temos a obriga de facer que se cumpra. Trátase de leis de índole municipal que hai que cumprir mentres non se droguen, e esta foi aprobada no ano 1998”.

Exit mobile version