O rexedor tildou de “lamentable a actitude destes voceiros porque eles só querían falar do prezo por metro cadrado que deben pagarlle ao Concello por vender no mercado dos mércores. Acusáronnos de cambiar a ordenanza e nós non cambiamos nada, só estamos a aplicala. E nós reprochámoslles unha serie de cousas, coma a falla de limpeza cando remata o mercado, a demora no pago dalgúns dos seus compañeiros, postos que están ocupados por persoas distintas ás autorizadas ou que algúns vehículos están aparcados en pleno mercado dificultando o tránsito dos clientes. Todo o foron entendendo na xuntanza desta tarde… a única discrepancia é que pretenden que cambiemos a ordenanza reguladora e non a vamos cambiar, non debemos non podemos cambiala porque foi creada por outro goberno e porque entendemos que é correcta”. Fernando Suárez aclarou que “nós nos estamos a subir as taxas, senón que estamos a aplicar o que marca a normativa municipal. Hai vendedores que pasaron de pagar 50 a 80 euros, outros que pasaron de 90 a 120 ou de 30 a 45, e hai uns cantos aos que as cifras se lles multiplican porque ocupan moito máis do que tiñan autorizado. Non é porque se creara unha nova ordenanza”.
Nova medición
O alcalde de Ribadeo dixo que “incluso lles chegamos a propoñer para que comproben que a ordenanza non se cambiou que se realice unha terceira medición da superficie que ocupan os seus postos cos mesmos funcionarios e cun testigo designado por eles, pero fóronse polos cerros de Úbeda. O prezo é o que está aprobado por todos os grupos políticos do Concello e xa me estranaría que agora a oposición quixera votar outra cousa e aproveitarse de que o río vai revolto”.
Fernando Suárez convidou aos vendedores “aos que non lles vai nin lles ven esta historia, coma os da fruta e a verdura a que non se sintan coaccionados á hora de montar os seus postos mañá de xeito pacífico e aos que estiveron a cumprir coa ordenanza. Agardo que non se produzan coaccións ou ameazas porque senón os autores non voltarán a poñerse máis neste mercado. Nós tentamos establecer un cauce de normalidade que nunca se debeu perder”.