RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fai un balance moi positivo do Mercado do Nadal que pechou as súas portas onte pola noite. O rexedor resalta “o éxito moi importante desta cita nesta longa ponte festiva que atraeu a miles de persoas deste concello e doutros da Mariña e de Asturias e tamén a moitos turistas, aínda que neste caso igual foron menos que noutros anos… pero polo que me comentaron os artesáns que participaron no Mercado do Nadal houbo moita xente, e incluso o domingo houbo momentos de certo colapso ou de bloqueo coa cantidade de xente que había na carpa, un sitio moi agradable para visitar”.
Fernando Suárez di que “artesanía alimentaria e doutro tipo fixo as delicias dos que por alí se aproximaron e tamén o resto das actividades programadas coma o concerto do Coro Sagrado Corazón ou os obradoiros de xogos tradicionais”.
O alcalde considera que “cumprimos co obxectivo que nos marcamos que era o de dinamizar Ribadeo, traendo a xente e facendo que esa xente comprase ademais de no Mercado de Nadal nos establecementos da nosa vila e penso que contribuímos modesta e humildemente para conseguilo”.