Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis persoal para o Pesca2, propón o PP

Nota de Prensa

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentario Popular de Galicia , a través do seu Portavoz, e a iniciativa do seu deputado José Manuel Balseiro Orol, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara presenta, ante esa Mesa, a seguinte Proposición non de Lei en Pleno.

Exposición de motivos

Nos últimos meses, multiplicáronse os episodios nos que, como consecuencia dunha situación de emerxencia, están a perder a súa vida moitos traballadores do mar. Sen lugar a dúbidas, estes feitos deben levarnos a realizar unha reflexión sincera e profunda que, xunto á lóxica preocupación derivada destes sucesos, permita achegarnos á realidade coa responsabilidade lóxica de quen ten o deber de habilitar todos os medios que sexan necesarios para evitar este tipo de acontecementos ou, no seu caso, poñer en marcha un operativo de salvamento eficaz, capaz de actuar coa maior dilixencia e, deste xeito, contribuír a salvar moitas vidas humanas.

Xunto a iso, son múltiples os datos que permiten poñer de relevo a existencia de importantes deficiencias no funcionamento dos medios de salvamento que operan nas nosas costas e, de xeito especial, en relación cos helicópteros adscritos ao Servizo de Gardacostas de Galicia, o Pesca I – con base no porto de Vigo –  e o Pesca II -con base en Celeiro – .

De nada valen o intenso labor dos profesionais que integran os servizos de rescate -que están a desenvolver o seu traballo de xeito exemplar e nunhas condicións que non son as máis axeitadas- se o Goberno galego e o Goberno central non realizan os esforzos necesarios por corrixir as eivas que se detectan nos distintos operativos de salvamento.

Conscientes desta realidade a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos viuse na obriga de traballar na mellora da operatividade dos medios adscritos ao Servizo de Gardacostas de Galicia e, máis en concreto, dos medios aéreos -helicópteros- de competencia autonómica. Segundo as informacións ofrecidas polos distintos responsables autonómicos de Pesca, reflectidas en distintos medios de comunicación, o departamento que dirixe a socialista Carmen Gallego ten intención de aumentar os medios humanos e materiais do servizo. En concreto prevé que o helicóptero Pesca I con base en Vigo teña un novo cadro de persoal. Unha nova tripulación que permitirá a operatividade do servizo as 24 horas do día, cun tempo de resposta ante calquera emerxencia non superior aos 10 minutos.

Malia que, á luz dos acontecementos relatados con anterioridade e no obxectivo de mellorar o servizo, debemos cualificar este anuncio como positivo, non deixa de ser unha medida insuficiente, por canto con ela non se cubre ao cen por cen o litoral galego e, polo tanto todas as situacións de emerxencia que se poidan producir na nosa costa. O Goberno bipartito está a esquecer de xeito deliberado aos servizos de salvamento e emerxencia marítima con área de influencia no litoral norte galego o que provoca non só unha situación de agravio comparativo en relación co anunciado reforzo do cadro de persoal do helicóptero Pesca I, senón tamén, o mantemento sine die, dunha situación de desprotección, caracterizada pola inoperatividade do servizo as 24 horas do día, os 365 días ao ano.

O Grupo Parlamentario Popular non pode entender, como de seguro tampouco o farán os cidadáns, que a Xunta de Galicia prime a protección da vida dun mariñeiro que traballa na zona sur fronte aos profesionais que traballan no litoral norte.

En resume, de levarse a cabo o reforzo do cadro de persoal que opera no Pesca II -con base en Celeiro-, tal e como esta iniciativa pretende,  garantirase a presenza dunha tripulación na base durante as 24 horas do día; o que permitirá ofrecer unha resposta inmediata en caso de emerxencia no mar. Na actualidade, existe un equipo presente na base de Celeiro en horario de mañá, pero pola tarde e pola noite as gardas non se están a efectuar con persoal presente na base o  que triplica o tempo de resposta ante calquera incidencia.

Non debemos esquecer que a zona norte de Galicia se caracteríza por unha costa a mar aberto, de alto risco, e, en moitos casos, con condicións climatolóxicas adversas que aconsellan dispoñer dun servizo de emerxencias permanente. O departamento que dirixe a socialista Carmen Gallego, non pode continuar actuando a base de improvisación e falta de dilixencia no desenvolvemento das súas funcións, máis ao contrario, debe promover a igualdade no acceso aos medios de emerxencia de todos os galegos, vivan onde vivan, e a súa correcta protección.

A maiores, é preciso salientar que o helicóptero Pesca II non só opera ante posibles alertas por continxencias marítimas senón que, en moitas ocasións, complementa o traballo dos servizos de emerxencia ante outro tipo de sinistros que se poidan producir en terra e nos concellos do litoral da Mariña lucense e Ortegal

O Grupo Parlamentario Popular quere subliñar o seu compromiso coa mellora da seguridade marítima en Galicia. Un obxectivo no que debéramos coincidir co resto das forzas políticas galegas.  Máis a pesar de que non dubidamos da vontade de PSOE e BNG por intensificar a seguridade nas nosas costas. O bipartito obstaculiza todo intento de análise rigoroso sobre a situación actual na que se atopan os medios de salvamento que dependen da Xunta de Galicia.  Sen lugar a dúbidas todas estas circunstancias deben circunscribirse á situación de deixadez xeneralizada que se apoderou do departamento que dirixe a socialista Carmen Gallego, onde os seus máximos dirixentes ofrecen resistencia a ofrecer datos e responder ás distintas interrogantes que xorden, para así ocultar a súa clara responsabilidade nos problemas que se están a rexistrar a cotío nos servizos de salvamento marítimo que operan en Galicia.

En relación ao exposto con anterioridade, o Grupo Parlamentario Popular presenta a proposición non de lei en comisión da cordo ao seguinte

Acordo a adoptar:

O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que dote do cadro de persoal suficiente ao helicóptero PESCA II -con base en Celeiro-, tal e como pretende facer co helicóptero PESCA I -con base no porto de Vigo- de tal xeito que o reforzo na tripulación e a presenza permanente nas bases do seu persoal, permita a súa plena operatividade as 24 horas do día os 365 días ao ano e se reduza, deste xeito, o tempo de resposta.

Exit mobile version