Site icon Crónica3.com A Mariña

Informaron en Ribadeo sobre o plan galego de solo residencial que prevé 81 vivendas

RIBADEO .- O Concello de Ribadeo quixo contribuír á difusión do Plan Sectorial Galego de Solo Residencial “dando cumprida información para que os propietarios dos terreos que se plantexan de xeito inicial tivesen datos de primeira man, e por iso organizamos o acto de onte na Casa do Mar no que houbo unha importante afluencia de pública”, explica o alcalde, Fernando Suárez. Dito acto contou coa participación do delegado provincial de Vivenda, Cosme Eladio Pombo e dun técnico redactor do plan.

O rexedor lembrou que se trata “dun plan sectorial, dunha fase preliminar, non é aínda un proxecto definitivo con ordenación de volúmenes e cuestións máis detalladas, pero sí que queremos que os veciños aleguen a aquelas cousas que entendan que non se axustan ou non son correctas”.

Fernando Suárez sinalou que po Plan Sectorial Galego de Solo Residencial “persegue a creación de vivenda protexida, entendida non coma a vivenda social clásica e tradicional senón que o 90% de poboación pode acceder a elas porque as rendas mensuais non deben superar os 4.000 euros ao mes. Tamén persegue pechar mazás ou espazos baleiros dentro do casco vello que ao longo do tempo non se puideron desenvolver. En Ribadeo hai unha bolsa importante na rúa Muralla e outra pola Rúanova, rúa Ibáñez e nas inmediacións do centro de día. Son dúas bolsas grandes que se queren dotar dunha nova configuración urbana para pechar esta trama urbanística que non foi realizada nos últimos anos”.

Vivenda tentará chegar a mutuos acordos cos propietarios sempre que sexa posible ou coa permuta coma sistema de xestión preferente “moito mellor que a expropiación aínda que por lei tamén se contempla”.

Suárez Barcia lembra que os afectados teñen posibilidade de alegar contra a Consellería de Vivenda ata o 27 de decembro “senón queren desprazarse a Lugo poden facelo a través do portelo único do Concello. Eu ofrezo os servizos técnicos municipais para asesoralos e botarlles unha man no que poidan necesitar”.

O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial delimita en Ribadeo unha superficie de 30.000 metros cadrados, para construir 81 vivendas protexidas e 24 libres. Destiña 4.500 metros cadrados a zonas verdas e pretende crear 60 prazas de aparcamento. O orzamento previsto supera os 3.400.000 euros.

Exit mobile version