Site icon Crónica3.com A Mariña

Industria dálle 36 mil euros a Ribadeo para que gaste menos en alumeado público

RIBADEO .-  O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez e o Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco asinaron hoxe un convenio por importe de preto de 36.000 euros para reducir o consumo de enerxía eléctrica no alumeado público e así conseguir un aforro económico importante para as arcas municipais. O rexedor explica que o convenio “está encamiñado a lograr un maior aforro enerxético nun momento onde todos os Concellos, e o de Ribadeo coma o que máis, necesitan economizar gastos superfluos e aproveitar as últimas tecnoloxías que nos permitan dar un servizo óptimo, pero cun custe menor”.
Fernando Suárez engade que “o INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) foi receptivo á petición que lle fixemos desde Ribadeo de cara a ter que substituir varios dos cadros que surten de alumeado público á practica totalidade da vila de Ribadeo por outros máis modernos que permitan programándose a partir dunha certa hora rebaixar a intensidade da iluminación e que algunhas farolas se poidan desconectar en horas nas que práctimente ninguén anda… permitindo eso sí que a xente poida circular con tranquilidade”. O alcalde ribadense di que este proceso “tamén chegará ás parroquias, quizás non a todas de golpe, pero sí que poderemos modificar que se baixe a intensidade nunha parte para lograr un aforro enerxético importante”.

Camiño do Cemiterio
Suárez Barcia anuncia que “con este convenio dotaremos tamén de farolas ao Camiño do Cemiterio. A conexión foi feita pola escola taller anterior, pero non tiñamos recursos para acometer esa instalación que agora sí que realizaremos e así resolveremos este problema para maior tranquilidade dos que pasean por esa zona de Ribadeo”.

Exit mobile version