Site icon Crónica3.com A Mariña

Falta unha médica e colapsase o centro de saúde de San Ciprián, asegura o PP

NOTA DE PRENSA

Multiplícanse as criticas dos usuarios do centro sanitario de atención primaria desta localidade cervense aos que os populares convidan a formalizar as súas queixas ante o servizo de atención ao paciente
A NON SUBSTITUCIÓN DUNHA MÉDICA EN SITUACIÓN DE BAIXA TEMPORAL PROVOCA O COLAPSO DO CENTRO DE SAÚDE DE SAN CIPRIAN
 
• O SERGAS permite o desvío masivo de doentes que non son atendidos na consulta do médico de familia ata o servizo de urxencias do Hospital, ao mesmo tempo que non evita a existencia dunha lista de espera para a prescrición das receitas médicas.
 
• Os populares tamén se fan eco das queixas dos prexuízos que están a producir polo mal funcionamento do servizo telefónico centralizado de citas en atención primaria.
 
     Cervo, 17 de decembro de 2008.- O deputado autonómico do Partido Popular de Galicia e tenente de Alcalde do Concello de Cervo, Jose Manuel Balseiro Orol, vén de facerse eco das múltiples queixas que os pacientes e usuarios do centro de saúde de San Ciprián están a realizar despois de que a non substitución dunha doutora de baixa temporal no seu traballo estea a provocar o colapso deste servizo de primeira necesidade. Segundo puido coñecer o parlamentario mariñán o SERGAS está a permitir o desvío masivo de doentes que non son atendidos na consulta do médico de familia ata o servizo de urxencias do Hospital da Costa, “cos todos e cada un dos prexuízos que esta situación leva”. Ao mesmo tempo está a rexistrarse unha importante lista de espera, que en moitas ocasións supera os tres días, para a prescrición das receitas médicas, incluso naqueles pacientes que, por ter unha doenza crónica, teñen a necesidade de dispoñer de medicamentos con máis frecuencia.
     CORRIXIR CON URXENCIA A SITUACIÓN ACTUAL
     Desde o Partido Popular de Galicia emprazan á Consellería de Sanidade, en mans da socialista Maria José Rubio Vidal, a corrixir con urxencia estas deficiencias. Neste senso, propoñen desde o reforzo do cadro de persoal do centro de saúde de San Ciprián ata o traslado polo tempo necesario dun novo doutor que poida substituír á médica de baixa temporal e cuxos pacientes, de xeito maioritario, están a verse prexudicados polo colapso do servizo.
     FORMALIZAR A SÚA QUEIXA
     Por outra banda Balseiro Orol empraza a aqueles veciños que poidan verse afectadas por esta situación a que formalicen a súa queixa a través do servizo de atención ao paciente situado no Hospital da Costa de Burela. Deste xeito, Sanidade non poderá ampararse, como fai en moitas ocasións, en que non ten constancia de críticas ou queixas por parte dos usuarios e, polo tanto, “non terá outro remedio que tomar cartas no asunto”.
DETERIORO DA SANIDADE MARIÑÁ
     Segundo Balseiro esta non é máis que unha mostra palpable do progresivo deterioro do sistema público de saúde en Galicia, circunstancia que atribúe á mala xestión do Goberno bipartito e do departamento autonómico de responsabilidade socialista. O deputado popular subliña que este non é un feito puntual, xa que noutros moitos centros de saúde e no propio hospital se están a producir este tipo de problemas vinculados sobre todo á falta de substitución dos profesionais sanitarios que non poden, pola circunstancia que sexa (baixa, permisos, vacacións) desenvolver o seu traballo durante un período de tempo determinado.
PROBADA PROFESIONALIDADE DO CADRO DE PERSOAL
     Ao mesmo tempo insiste na profesionalidade dos traballadores e traballadoras do Servizo Galego de Saúde. “Os veciños deben saber que o actual colapso non é imputable aos médicos ou ao resto do cadro de persoal do centro senón que debe atribuírse á mala xestión que se está a facer desde os cargos directivos e desde os postos de responsabilidade política da Consellería de Sanidade”
QUEIXAS POLO NOVO SERVIZO DE CITAS TELEFÓNICAS CENTRALIZADO
     Por outra banda do PPdeG tamén se fai eco das críticas coincidentes de moitos usuarios do servizo público de saúde en Galicia tras a posta en funcionamento dun novo teléfono único e centralizado para a obtención das citas: O 902 077 333 . Balseiro Orol subliña que en moitas ocasións os veciños non dan contactado cos técnicos que atenden o teléfono, outras moitas prodúcense fallos informáticos que impiden a determinación da cita na hora o día solicitado e, o que é máis habitual, non se ofrece a posibilidade para acceder á axenda de determinados médicos especialistas. 
     A todas estas queixas temos que engadir que o número de teléfono centralizado que se está a publicitar é un número de tarificación especial (902) o que supón unha chamada con custo engadido que incluso prexudica a aquelas persoas que teñen contratada unha liña de internet de alta velocidade e que, salvo para contactar con este tipo de números, ofrece gratuítas as chamadas a teléfonos locais e nacionais.  O 902 do SERGAS non forma parte da promoción contratada por estes usuarios e, polo tanto, supón un cargo a maiores que incrementa a factura final do teléfono. 
     “Non é de recibo que, pola circunstancia que sexa, -afirma Balseiro- en vez de mellorar o servizo o estean a empeorar.”

Exit mobile version