BURELA .- Dúas alumnas dos IES Monte Castelo e Perdouro e un veciño de Burela son os gañadores do 2º Concurso de Microrelatos sobre violencia de xénero convocado polo Concello.
Segundo a concelleira de Benestar Social, Neves Cando, o obxectivo “era motivar á reflexión sobre este grave problema social e o resultado non pode ser máis positivo porque o número de relatos presentados, un total de 20, fai considerar que este tema e a reflexión sobre el están calando sobre a poboación e sobre todo entre a xente nova e dígoo basicamente pola idade dos gañadores deste ano”. Cando engade que “é importante que a nosa mocidade pense no que supón esta violencia contra as mulleres, que escriba sobre asunto, que se sensibilice e que emprenda o camiño para construír un futuro libre por fin desta lacra social”.
O primeiro premio dotado con 150 euros foi para Rebeca Saez Soto (alumna do IES Monte Castelo de Burela) polo microrelato Descanse en paz. O 2º premio dotado de 100 euros correspondeulle a Lucía Barrera López (alumna do IES Perdouro) polo artigo Cadencia auténtica e o 3º premio de 75 euros foi para José Díaz García, un veciño de Burela polo seu traballo Só un minuto. Estes traballos serán publicados o ano que ven.
Neves Cando agradece a participación “de todos e todas neste concurso e anímoos a que sigan escribindo e a non esquecer nunca este tema da violencia machista”.