Site icon Crónica3.com A Mariña

Escravos da fame

Por Emilio González Legaspi

As guerras traían escravitude. As necesidades dos ricos das nacións poderosas armaban exércitos para conquistar terras, espoliar as riquezas e conseguir escravos e escravas. Satisfacer os luxos era custoso. Os escravos chegaron a ter os seus dereitos de saúde e mantenza para seren útiles, pero a escravitude forzada non era rendible. Co tempo o capitalismo topou unha solución máis eficaz e máis tragable para as conciencias hipócritas. A fame aportaría escravos voluntariamente. Chegarían de todo o mundo, dende os lugares máis afastados, sós, orfos, débiles, submisos.

As aves avarentas e rapineiras estarían á espera para chuparlles a vida e a alma; á luz do día, legalmente, apoiados por gobernantes sedentos de votos untados de sangue. Gobernantes sen ollos, cegos de poder, sen corazón, co bandullo cheo de estatísticas positivas para manter a cadeira fedenta de suor humano, xordos á debilidade da inocencia. Un piso convertido en cova acolle ducias de corazóns tristes, mans encalecidas polos salseiros, ollos tristes brillan coas bágoas na escuridade, no silencio. Un mercedes con garabata tráelles un prato de arroz e trescentas moedas que sobraron das contas do gas oil. Os patróns xa non choran nin piden esmola polo carburante, agora aproveitan para facer peto coa diferencia da subvención pública. Canto máis rico, canto máis poderoso máis deben aportar os necesitados. E todos calados. A lei do silencio protexe as inxustizas, pero dá de comer aos servos.

¿Cando despertarán os gañáns?, ¿cando chegarán os tempos dun novo Espartaco? Fai falla un lóstrego que retumbe na escuridade e desperte as conciencias. Alguén xa refregou as lagañas. A CIG volveu ás orixes na defensa do traballador, pero outros aínda dormen na calor das dádivas administrativas. E os deuses redentores, innomeables, ¿onde van?

Exit mobile version