RIBADEO .- Ata o 20 de decembro está aberto o prazo para solicitar subvencións municipais do Concello de Ribadeo polo sistema de concorrencia competitiva. Os beneficiarios serán a realización de actividades culturais, deportivas e asistencia e benestar social, e con carácter xeral, todas aquelas actividades de interese para os veciños do concello que representen unha mellora da calidade de vida dos mesmos ou da cohesión social.
Poderán solicitar estas subvencións: as entidades e asociacións sen finalidade de lucro, domiciliadas en Ribadeo legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal de asociacións; as persoas físicas ou colectivos para iniciativas temporais de interese cidadá, sen ánimo de lucro, sempre que, en ambos casos, non teñan recoñecida subvención nominativa nos orzamentos municipais. Excepcionalmente cando a actividade teña interese para o municipio, xa sexa de carácter social, económico ou humanitario, se poderá conceder unha subvención a entidades foráneas, ou non inscritas no rexistro municipal de asociacións. A fundamentación de dito interese acreditarase mediante a achega dunha memoria o efecto.
As solicitudes de subvención deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ribadeo ata o 20 de decembro. Pode accederse ás bases da convocatoria e ao impreso de solicitude na páxina web ou recollelos na oficina de Cultura, no primeiro piso da Casa do Concello.