RIOTORTO .- A empresa pública Tragsa está a desenvolver estes días as tarefas de limpeza do río, entre A Ferrería e o Mazo da Ferreiravella. Segundo explica o rexedor, Federico Gutiérrez “son uns traballos que teñen un orzamento de 184.000 euros e que se están a facer para crear despois a senda fluvial de Riotorto. Dita senda terá unha lonxitude aproximada duns dous quilómetros e nós queremos que teña o mínimo impacto posible nese entorno natural… non queremos que se meta nin formigón nin materiais que poidan danar o noso medio natural”. O alcalde engade que “pretendemos que sexa unha senda para pasear á beira do río, perfectamente enmarcada dentro desa paisaxe, en definitiva que sexa una actuación que poña en valor un espazo hoxe abandonado”.
Tragsa empezou a limpar o río e tamén se está a redactar o proxecto. Gutiérrez Estoa sinala que “a totalidade das obras a realizar por parte da Confederación Hidrográfica do Norte suporán un desembolso de 300.000 euros. Xa neste ano se fixo un estudio de avaliación ambiental e no 2009 agardamos que esta senda fluvial sexa unha realidade para goce dos veciños de Riotorto e dos que nos visitan no verán”.
O rexedor de Riotorto lembra que “esta obra é froito das negociacións mantidas entre o BNG e o PSOE para a aprobación dos orzamentos do ano 2008. Foi nese momento cando se concretou este importante compromiso con Riotorto que agora bota a andar”.