BURELA .- Comezou a campaña de Nadal que pon en marcha un ano máis a delegación de Industria, Comercio e Turismo do Concello de Burela que inviste nesta iniciativa uns 35.000 euros. José González Legazpi dixo no acto de presentación que “asumimos os custes e organizamos esta campaña conscentes de que o comercio de Burela representa un sector importante na nosa economía e que ten moito que ofrecer como se indica no lema da propia Campaña para este ano que di Este Nadal Temos Moito que Ofrecerche”.
A campaña repartirá 4.500 euros en premios que se distribúen, segundo González Legazpi deste xeito “haberá un primeiro premio, consistente en vales de compra, dos que a diferencia do pasado ano que recaía o premio nunha soa persoa, nesta ocasión desdobrámolo e incrementámolo un pouco de xeito que resultarán premiadas duas persoas con 1.500 euros cada unha. Un segundo premio de 1.000 euros para o gañador do concurso ou maratón fotográfico de escaparates dos comercios e un terceiro premio que recaerá no comercio que resulte gañador dese concurso de fotografía que obterá un premio de 500 euros”.
O concelleiro de Comercio engadiu que se pretende “por tanto con esta Campaña que de seguro terá, porque xa o tivo o pasado ano, unha repercusión ampla e que trascende o propio comercio ainda que o máximo favorecido sexa este sector. Por iso buscamos que a campaña teña un desenvolvemento entorno ao mesmo incluso na estructura dos premios que son vinculados aos seus escaparates. Esas fotografías despois estarán expostas durante un tempo nas dependencias municipais, algo que representa tamén unha evidente eficacia divulgativa do sector comercial de Burela”.
Legazpi sinalou que “esta campaña de Nadal para o comercio de Burela estará tamén presente en todolos medios de comunicación, televisión, prensa e radio e contará con musica na rúa e con iluminación axeitada. En definitiva unha campaña a prol do noso comercio que representa unha forte aposta económica por parte da delegación municipal de Comercio da que son responsable e que agardamos sin duda traerá a Burela un movemento socieconómico fructífero e será un empuxe importante para un sector dinámico e necesario”.