Site icon Crónica3.com A Mariña

Banda ancha para internet no polígono de Xove

XOVE .- Técnicos da Empresa R de comunicación, acompañados polo Tenente Alcalde José Manuel González e o Arquitecto Técnico Municipal Benigno Mon, visitaron a parcela municipal do Polígono de Camba onde a Empresa R vai a realizar unha instalación co fin de dotar ao Polígono de ACCESO A INTERNET DE BANDA ANCHA.

A visita foi de carácter eminentemente técnico, e na mesma quedou definido o lugar onde se vai instalar a antena de 40 metros de altura que R vai instalar no Polígono, antena que vai ocupar uns 40 metros cadrados da parcela municipal. A antena vai quedar orientada á Medela, concretamente ao repetidor que Retegal ten neste monte de Lago.

Segundo os técnicos, os traballos para instalación desta antena van comezar de inmediato. Coa posta en marcha deste servizo vanse beneficiar tódalas empresas do Polígono, e tamén as vivendas do entorno situadas no Burgo de Camba; entra dentro do posible, inda que ata que estén colocados os equipos non se vai saber con certeza, que parte do núcleo de Xove tamén se poida beneficiar, dado que a potencia dos equipos alcanza 1.500 metros en liña recta.

Temos que recordar que no Pleno celebrado o pasado 13 de outubro ratificouse o acordo da Xunta de Goberno do 7 de outubro polo que se aprobaba o Convenio de colaboración entre a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e o Concello de Xove para o desenvolvemento de redes de telecomunicación sen fíos de acceso a Internet de Banda Ancha, en polígonos industriais ou parques empresariais, no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información.

Exit mobile version