Agora o PP faría o cinto industrial de Alcoa e impulsaría a apertura do dique norte, asegura
Nota de Prensa
Estas sorprendentes declaracións, efectuadas en sede parlamentaria, en resposta a preguntas do Grupo Popular, contradín a posición mantida ata o momento polos nacionalistas e deixan en evidencia ao BNG da Mariña e nas Cortes Xerais onde afirmaban defender unha postura diferente
O DIRECTOR XERAL DE INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO CONSIDERA INVIABLE PROCEDER Á APERTURA DO DIQUE NORTE DE ALCOA
* O Goberno galego tampouco ten previsto desenvolver o novo polígono industrial no contorno da multinacional do aluminio.
* Desde o PPdeG critican a dobre faciana do BNG que unha vez máis renuncia defender unha actuación estratéxica para A Mariña.
* Os populares comprométense a que, un novo Goberno presidido por Nuñez Feijóo levará adiante o cinto industrial no contorno de ALCOA e impulsará a apertura do seu dique norte porque ambas as dúas actuacións contribúen a atraer novas empresas a xerar máis riqueza e máis e mellor emprego.
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2008.- O director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) Daniel Pino Vicente, considera que non é viable proceder á apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de Alcoa e, en función diso, o Goberno galego non ten previsto tampouco desenvolver o novo polígono industrial no contorno da multinacional do Aluminio, máis en concreto, entre os municipios de Cervo e Xove. Estas sorprendentes declaracións son totalmente contraditorias coa posición mantida ata o día de hoxe polos nacionalistas e ven a desmontar o seu discurso, tanto na Mariña lucense como nas Cortes Xerais, onde parecían defender ambas as dúas actuacións. Sen lugar a dúbidas o acontecido no día de hoxe volve a dar unha imaxe nítida da dobre faciana coa que actúan os nacionalistas
Daniel Pino Vicente fixo as devanditas afirmacións no transcurso do debate dunha iniciativa parlamentaria promovida polo PPdeG e, máis en concreto, polo deputado mariñán José Manuel Balseiro Orol. A través das súas preguntas interesábase polas razóns que levaron á Xunta de Galicia a anular, en agosto do presente ano, o plan sectorial no que se recollía a creación dun cinto empresarial no contorno de ALCOA.
UN PROXECTO ESTRATÉXICO MALOGRADO POLO BNG
A Consellería de Vivenda, en mans do BNG, da ao traste coas expectativas de desenvolvemento e progreso que se poderían acadar de levarse adiante tanto a creación do novo polígono industrial como coa apertura do dique norte de ALCOA ao tráfico xeral. No primeiro caso renuncian á reserva de 250.000 metros cadrado de solo industrial nunha área estratéxica e, no segundo, impiden que poida potenciarse o uso dunha infraestrutura que a día de hoxe está a ser infrautilizada por parte da empresa do aluminio, que tan só a usa como espigón de abrigo das embarcacións que chegan ao seu porto.
Para Balseiro Orol son máis que esclarecedoras as palabras empregadas polo director xeral do IGVS e atribúe as mesmas a un alarde de sinceridade por parte deste señor. Así veu a deixar claro que os nacionalistas e, con eles, o resto do Goberno galego renuncia a desenvolver a principal aposta estratéxica na Mariña lucense.
SEN RESPOSTA
Por outra banda os populares criticaron con dureza o feito de que no transcurso do debate parlamentario non se dera resposta as múltiples preguntas formuladas polo seu grupo e, máis en concreto, que non explicaran as razóns que levaron ao Goberno galego a desestimar a creación do cinto industrial de Alcoa. Tampouco quixeron clarexar se a Xunta manexa prazos ou investimentos para levar adiante este proxecto estratéxico ao que parecen dispostos a renunciar. Ningunha destas cuestións foron clarexadas polo representante da Consellería de Vivenda e Solo e iso obriga ao Grupo Popular a rexistrar de novo esta mesma pregunta, deste xeito, buscan acabar co mutismo da Consellería e obter respostas oficiais para cada unha destas cuestións.
CAMBIO DE POSIÓN DO BNG
E máis os populares xa adiantan que dispoñen dunha proposición non de lei a través da que buscarán que os distintos partidos políticos tomen postura respecto da creación do cinto industrial no contorno de ALCOA e, polo tanto, que sumen a súa forza a do PP para obrigar á Xunta a levar adiante este proxecto. Nun primeiro momento os nacionalistas apoiaron as propostas realizadas polos plenos municipais de Xove e de Cervo con este obxecto pero hoxe, o representante da Consellería de Vivenda, do BNG, renuncia dun xeito evidente e notorio a esta posibilidade.
UN GOBERNO DO PPdeG LEVARÁ ADIANTE O CINTO INDUSTRIAL
Os populares foron aínda máis lonxe e afirmaron que, de alcanzar o Goberno da Xunta nas vindeiras eleccións, farán realidade a creación do cinto industrial no contorno de ALCOA. Neste senso explicaron que o convenio para a creación desta gran área industrial de carácter supramunicipal foi impulsado por A. Núñez Feijóo e por iso, poden afirmar sen temor a equivocarse que, un Goberno de cambio e popular fará realidade este proxecto”. O PPdeG mantén polo tanto o seu compromiso co cinto idustrial no contorno de Alcoa e xunto a iso, comprométese a defender e impulsar a apertura do dique que hoxe infrautiliza esta multinacional. Os populares entenden que ambas actuacións contribúen a facer realidade dous obxectivos indispensables nos tempos que corren: incentivar o asentamento de novas empresas e xerar novas oportunidades de emprego.
DOUS PROXECTOS VIABLES
Nesta mesma liña, Balseiro Orol lembrou, na súa intervención, que o Concello de Cervo dispón dun estudo técnico que avala a viabilidade do proxecto de construción do cinto industrial de Alcoa e que existen informes similares que acreditan a importancia de abrir ao tráfico comercial o dique da multinacional do aluminio.
Finalmente os populares quixeron poñer de manifesto a incoherencia dos argumentos empregados polo BNG que na Mariña dicían ser conscientes da alta demanda empresarial de solo industrial no contorno da multinaiconal do alumino e agora no Parlamento, afirman non ter constancia desta demanda. “Os veciños tomarán boa nota de incoherencia dos nacionalistas que unha vez máis renuncian a defender a nosa comarca”