SANTIAGO .- ADEGA considera que o Resumo Inicial do PXRUG conta cunha filosofía, obxectivos e instrumentos bastante acaídos, constituindo un avance significativo sobre o actual marco de referenza (o Plano de 1998 ou Plano SOGAMA). O novo PXRUG recupera a maioría das reivindicacións históricas do movemento ecoloxista galego para unha xestión ecolóxica do lixo. Entre elas, están a aposta pola redución, a recollida selectiva porta a porta, a ampliación da rede de puntos limpos ou a definitiva implantación da compostaxe.
No entanto, a análise polo miudo do documento revela que a concreción destas propostas afástase dalgúns dos principios inspiradores do Plano. Mesmo hai datos e avaliacións inexactas que presisan de correción e revisión, para non levar a conclusións pouco acaídas e propostas desenfocadas:
-Por exemplo, os datos de valorización material total (VMT) son incorectos especialmente pola falta de información sobre as cantidades e calidade do compost en Nostián e o seu destino. Unha vez corrixidos, os datos revelan que o modelo Barbanza, baseado na compostaxe aerobia amosa os mellores resultados de VMT: 64.5% (Barbanza); 59.0% (Nostián); 6.8% (SOGAMA); 5.8% (Vertedoiro). En canto aos índices de vertido final, o ámbito Barbanza presenta a menor porcentaxe de vertido (36%), seguida de Nostián (41%), SOGAMA (51%) e Vertedoiro (94%).
-Os obxectivos de valorización material son pouco ambiciosos para algunhas fraccións de residuos (vidro, materia orgánica, papel…) que en moitos casos acádanse mediante valorización material secundaria, como a estabilización da MO (materia orgánica) da fracción Resto ou a recuperación de vidro neste Resto. Isto devalúa o concepto de valorización material, ao non acadarse calidades mínimas nin destinos de reciclaxe real para unha elevada proporción de residuos, que finalmente son destinados a valorización (sobre todo incineración).
-Por outra banda, os diferentes sistemas de recollida selectiva son tratados no PXRUG de xeito pouco rigoroso: cualifica como tal o contentor amarelo de SOGAMA, mentres que a recollida da fracción seca (FIRM) de Nostián e Barbanza asimílase á fracción resto (sen recollida selectiva). Isto é incorrecto: o colector de FIRM debería ser considerado como recollida selectiva, máxime cando o propio PXRUG indica que a calidade dos FIRM é mesmo superior á do contentor amarelo.
-En canto ao desenvolvemento temporal, ao atraso acumulado entre 2005-2008 súmase o feito de que até 2010 non se acometerán melloras de importancia na xestión, xa que as propostas se limitan a iniciar os trámites de construción das novas plantas. Priorizar os investimentos nestas grandes infraestruturas converterá o lustro 2005-2010 nun período sen avances en resultados da xestión.
-A incineración de SOGAMA non desaparece e produce 31.026 t de cinzas catalogadas como residuos perigosos. Estas cinzas deben ir a vertedoiro, polo que a incineración non contribúe a suprimir o vertido. O tratamento dos resíduos na planta termoeléctrica, eufemísticamente chamado valorización enerxética, multiplica por 31 a cantidade de residuos perigosos que acaban nun vertedoiro.
-O PXRUG adopta en moitos aspectos un referente provincialista. Unha comarcalización real, optando por pequenas plantas de compostaxe e clasificación de envases, permitiría unha maior economía na xestión de residuos e sacar proveito do principio de proximidade en favor dunha maior concienciación social que a súa vez redundaría en mellores resultados ambientais.
-Os obxectivos e resultados ambientais previstos polo PXRUG parecen non gardar relación cos medios postos en xogo, especialmente co financiamento previsto. Por exemplo, o obxectivo de estabilizar a xeración de residuos significa unha redución do 25% en 2017 un, mais o Plano destina só o 5% dos investimentos a actuacións de prevención. Se non se cambian a alza os medios económicos destinados á prevención e á recollida selectiva de calidade, os obxectivos do Plano non se cumprirán.
-A compostaxe caseira menciónase mais non se lle asignan medios. Os obxectivos de autocompostaxe son moi interesantes na teoría, pero tanto as previsións de residuos tratados como os investimentos asignados convértena en algo residual.
Atendendo a estas valoracións, as propostas de ADEGA para os distintos eixos do PXRUG son:
En canto á xestión e loxística:
-Eliminación das axudas económicas a favor da incineración existentes na actualidade.
-Establecemento dunha taxa que desincentive os tratamentos finalistas (depósito en vertedoiro e incineración). Un tratamento finalista que destrúe e desaproveita os recursos contidos do lixo non pode ser subvencionado.
-As administracións locais deben estar obrigadas a adoptar medios, medidas e modelos que permitan adecuar os resultados da recollida ás previsións e definicións do PXRUG, por máis que se reserven a competencia municipal para organizar tal servizo.
En canto ao modelo de recollida:
-Solicitamos que se asuma un modelo recollida selectiva Húmido/Seco, tal como acontece hoxe nos ámbitos de Barbanza e Nostián.
-Os modelos de recollida selectiva porta a porta non deben restrinxirse aos concellos de menos de 10.000 hab., senón que deberían implantarse tamén cascos históricos das cidades e nas áreas rurais de concellos con poboacións maiores.
-O modelo do “contentor amarelo” debe reformularse para adaptalo aos requerimentos dunha recollida selectiva baseada no sistema húmido/seco. Propomos revisar o modelo xeral de recollida de envases lixeiros (EL), reducindo a densidade de contentores amarelos para igualalos en número aos colectores de vidro (V) e papel-cartón (P/C) en illas de reciclaxe con tres colectores: V, P/C e EL, e xeralizar a recollida da fracción orgánica mediante colectores de proximidade (Resto/Materia Orgánica), ambos en parella e cunha elevada densidade.
-Outro punto feble do PXRUG é a cativa recollida selectiva de especiais, que está limitada a pilas e fármacos. Estamos a falar de residuos domésticos perigosos (RDP) que en realidade inclúen outras tipoloxías de residuos. Ao respecto propomos adoptar a definición de RDP do Plano estatal de RU (2001) e potenciar a recollida selectiva de todos os seus compoñentes.
En canto ao sistema de tratamento da materia orgánica:
-A biometanización pode ser unha técnica positiva, xa que é compatíbel coa compostaxe e permite obter da FORM un rendemento material (compost para os solos) e un rendemento enerxético (biogás). Mais aplicación práctica desta técnica non ofrece na actualidade beneficios que compensen o elevado investimento económico que require, en comparación cunha planta de compostaxe convencional. Porén, rexeitamos a aposta pola biometanización que fai o PXRUG. O único actor beneficiado por esta tecnoloxía será a empresa encargada da construcción desas plantas: son máis caras, cunha tecnoloxía máis complicada e cunha maior posibilidade de erros e incidencias (tal e como aconteceu en Nostián). Aliás, ao ser plantas xestionadas segundo a lóxica do beneficio económico, a produción de biogás prima en moitos casos sobre a produción de compost de calidade. As plantas de biogás de áreas de Catalunya están a dirixirse cara a produción de combustíbel para incineradoras, tal como aconece hoxe con Nostián e tamén semella que acontecerá coas novas plantas a teor do proposto no PXRUG.
-Esiximos portanto, que a materia orgánica sexa tratada en plantas de compostaxe convencional (modelo Barbanza) máis baratas que as de biometanización, e que os recursos económicos que se aforren se adiquen a mellorar a recollida selectiva para reducir os impropios que contaminan a fracción orgánica e deterioran a calidade do compost.
-Nas áreas de compostaxe domiciliaria (que consideramos moi positiva), reclamamos que se fornezan do persoal suficiente para garantir a súa correcta implantación e un seguemento adecuado deste modelo. Nestas zonas, debería establecerse un periodo de transición e unha complementariedade de modelos mentres non se efeitiviza unha autocompostaxe plena.
-Esta compostaxe caseira non debería quedar relegada soamente a unha área, senón que se debería poder xestionar a fracción organica deste xeito tamén nas zonas rurais e semirurais de Galiza.
En canto á zonificación e comarcalización:
-Consideramos que sería precisa unha maior división do territorio, sobre todo cara á xestión da materia orgánica, para cumprir axeitadamente os Principios de Responsabilidade do Produtor, Proximidade e Suficiencia. ADEGA presenta unha proposta de mínimos con 12+1 zonas de xestión, sendo a dispersión óptima aquela na que cada planta de tratamento de M.O. coincidide coas unidades de transporte/transferenza: en total entre 40-43 plantas no territorio galego.
-Fronte ao modelo de grandes plantas de tratamento (Biometanización: Nostián, Barbanza, e Ourense; e Compostaxe aerobia: Morrazo e Lugo), un modelo verdadeiramente descentralizado debería contar coas seguintes infraestruturas en cada unha das 14 áreas de xestión: unha planta de compostaxe, unha liña de triaxe e tratamento da FIRM e un vertedoiro controlado para os. Xa non sería preciso construir plantas específicas para o tratamento dos envases e resto de FIRM, e as instalacións de SOGAMA poderianse adaptar para acoller tamén FIRM, alén de envases.
-Unha descentralización máis efectiva tería como resultado unha redución dos impactos e gastos de transporte, permitiría unha xestión dos residuos adecuada a cada área xeográfica e fomentaría a creación de emprego en cada unha destas áreas asociada á xestión e funcionamento das plantas de compostaxe. Por outra banda, non sería preciso construir as 4 novas empacadoras de lixo propostas no PXRUG, alén das macroplantas xa mencionadas, o que suporía redirecionar máis de 163 millóns de € (case a metade do investimento total do Plano).
En canto á incineración:
-Rexeitamos o papel que no PXRUG se lle dá a incineración, cun obxectivo de incinerar o 30% dos RSU en 2017, sen contar o compost de “liña gris” procedente das plantas de TMB e da biometanización, co que a porcentaxe total de RSUs incinerados será moi superior. Solicitamos que dentro do PXRUG se explicite o obxectivo de cero incineración no 2017.
En canto aos orzamentos:
-Déberíase especificar a procedencia e a contía dos investimentos (privados, públicos, Xunta, concellos…) e garantir a viabilidade económica das distintas actuacións, nomeadamente através do financiamento público.
-A prevención aparece pouco beneficiada nos orzamentos. Atendendo aos datos do Plano Financero, poderiase concluír que sería 5 veces máis barato previr que recoller e tratar. Pedimos, portanto, que se incremente o esforzo orzamentario no capítulo de prevención, ou doutro xeito o obxectivos de prevención do PXRUG non se cumprirán.
-Deben tamén modificarse á alza os medios económicos destinados á recollida selectiva de calidade. Se non é así, os obxectivos de prevención e reciclaxe de calidade fixados no PXRUG, xa de por si pouco ambiciosos, non se cumprirán.
-O apoio á autocompostaxe está claramente ausente do plan financeiro.
Máis información e descargas de documentación sobre o PXRUG: www.adega.info