Site icon Crónica3.com A Mariña

Actividades de Nadal para nenos e maiores en Burela

BURELA .- As delegacións de Educación e Medio Ambiente de Burela programaron diversas actividades para os nenos durante o Nadal.
Os rapaces de Burela de educación infantil e primaria son os destinatarios do 2º Certame de Nadal Propostas para mellorar o medio ambiente en tres modalidades: fotografía, relato curto e debuxo. Segundo a edil responsable destas delegacións, Lucía Bouza “o que teñen que facer os nenos e as nenas é retratar, describir ou debuxar o trato que os adultos lle damos ao medio ambiente. Este certame tivo o ano pasado unha alta participación e tamén quedamos moi sorprendidos da boa calidade dos traballos presentados”. Os interesados en participar neste certame deben inscribirse na biblioteca de Burela ata o 24 de decembro “despois durante estas festas terán que facer e presentar os seus traballos e o 17 de xaneiro farase un acto para proceder á entrega dos premios”, segue a relatar a concelleira socialista. Os rapaces que se inscriban para participar na modalidade de fotografía recibirán unha cámara dun só uso e o Concello farase cargo do cUste do seu revelado. O xurado estará formado por responsables dos CEIP Vista Alegre e Virxe do Carme e por representantes da delegación de Educación de Burela e de Gaia. Os gañadores nas modalidades de fotografía e relato curto recibirán cámaras de fotografía dixitais e os de debuxo un lote de materiais para pintar e debuxar.

Intensa actividade da Banda de Música

A música tamén estará moi presente neste Nadal en Burela. As actividades musicais comezarán mañá xoves 18 de decembro ás 20:00 horas co Concerto de Familia que terá lugar na Casa da Cultura “e no que tocan as agrupacións que hai dentro da Escola de Música. Este ano cambiamos a localización debido á grande afluencia de público coa que conta esta primeira cita musical do Nadal”, explica Lucía Bouza. O día 26 de decembro o grupo de Coros actuará na gardería de Burela e o día 30 a banda infantil e o grupo de vento ofrecerán un concerto na residencia da 3ª idade.

Xa o 3 de xaneiro a Banda de Música ofrecerá o seu tradicional concerto de aninovo a partires das 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura. Lucía Bouza convida “a todos os que o desexen a acudir a esta cita, na que se estrearán 15 novos membros da banda que teñen idades que oscilan entre os 11 e os 13 anos. Tanto desde o Concello coma desde a propia Banda estamos moi satisfeitos coa súa participación. Vanse estrear aquí, vanse presentar no seu pobo e son o futuro da nosa Banda e queremos desexarlles moita sorte”.

Exit mobile version