RIBADEO .- As Concellarías de Cultura e Deportes e Xuventude e a OMIX de Ribadeo organizan actividades lúdico-deportivas para os nenos a partires de 3 anos que comezan neste 22 de decembro e rematarán o 3 de xaneiro. Polas mañás terán lugar as actividades deportivas, bailes e ritmos e polas tardes serán os obradoiros, os inchables e o teatro para os máis pequeniños.
O pavillón polideportivo acolle unha ludoteca de 16:30 a 19:30 destinada a todos aqueles nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos que funcionará os días: 22, 23, 29 e 30 de decembro e tamén haberá obradoiros para os nenos maiores de 7 anos. O horario será de 16:30 a 19:30 e os días de celebración serán hoxe 22 e tamén o 23, o 29 e o 30. As actividades que se realizarán nestes obradoiros serán: adornos de nadal, marcapáxinas, papiroflexia, títeres e xogos con refugallo e malabares.
O colexio Gregorio Sanz será o escenario das actividades previstas para as mañás. De 11:30 a 13:30 haberá prácticas deportivas con diferentes modalidades coma hockey, voleyball, balonmán, aerobic, batuka, circuito de xogos populares, gran xogo…
Mañá martes 23 de decembro e o venres 26 haberá teatro ás cinco e media da tarde no Auditorio Municipal e tamén o 3 de xaneiro. O xoves, día de Nadal, ás cinco e media da tarde no pavillón municipal celebrarase O show dos pallasos. E o venres 2 de xaneiro de catro a oito da tarde, tamén no pavillón municipal está prevista unha festa infantil con inchables.